A falta de mantemento da sinalización horizontal en Ordes pon en risco a seguridade de condutores e viandantes

A falta de mantemento da sinalización horizontal (pasos de peóns e bordos, fundamentalmente) da vila de Ordes, sen repintar na súa maior parte desde hai varios anos, supón un serio risco para a seguridade de peóns e viandantes, xa que nalgúns puntos dificilmente se visualizan as marcas no firme, especialmente cando o chan está mollado ou pola noite.

Para paliar esta situación, o Partido Popular de Ordes defenderá no Pleno desta semana unha moción para instar ao Goberno local a revisar toda a sinalización horizontal da vila, reparando e repintando todos os elementos que o necesiten, que son maioría, logo de anos de desatención por parte dos servizos municipais.

"Desde o PP local pensamos que chegou o momento de arranxar estas carencias: porque o estado dos pasos de peóns non permite demorar máis tempo a súa reparación, e porque superado o inverno, os traballos poden desenvolverse con maiores garantías", afirma José Luis Martínez Sanjurjo, portavoz do Grupo Municipal Popular.

"Sabemos que cando os veciños se queixan do estado de abandono que presentan os equipamentos públicos de Ordes, desde o Concello se argumenta a carencia de recursos, pero non é menos certo que se están investindo cartos en actuacións pouco ou nada necesarias, mentres que intervencións esenciais, como as que afectan á seguridade das persoas foron adiadas indefinidamente nun exercicio de irresponsabilidade difícil de superar", conclúe Martínez Sanjurjo.

Deja una Respuesta