IMG_3011

A falta de orzamento, unha nova proba da "nula xestion" do goberno de Oroso

O Partido Popular de Oroso, encabezado polo seu portavoz, Alexander Doval, defendeu hoxe que o feito de que o goberno municipal non dese a coñecer aínda o borrador do documento orzamentario para este ano 2017 é unha proba máis da “falta de xestión” dun executivo local ao que tachou de “irresponsable e de pouco eficaz” no desenvolvemento do seu labor.

“Estamos no mes de marzo e o documento dos orzamentos nin está, nin se espera”, afirmou Doval, quen lembrou que, nos anos anteriores, o goberno local, liderado por Manuel Mirás, aprobaba as contas nas primeiras semanas do ano.

Neste sentido, o portavoz dos populares fixo fincapé no feito de que o rexedor “nin sequera convocou a Comisión de Contas”, unha circunstancia que deixa constancia de que o alcalde “non ten intención algunha, nin présa” en aprobar un documento que para o PP é “fundamental” no día a día do Concello de Oroso.

“É sorprendente que, contando con maioría na corporación, o goberno municipal non movese un dedo aínda para presentar as contas deste ano”, denunciou Doval, quen asegura non entender os motivos da “pasividade” que o rexedor mostra respecto deste asunto.

Explicacións do alcalde
Sobre este punto, desde o Partido Popular de Oroso queren pensar que detrás deste atraso non se esconde “ningunha circunstancia estraña” que impida ao executivo local presentar o documento económico do municipio para o 2017.

“Visto o visto, entendemos que o señor Mirás debería dar explicacións de que está pasando. Sabemos que non lle gusta moito ter que xustificarse, pero é o mínimo que merecen os veciños”, indicou Doval, quen urxiu ao rexedor a “acelerar e axilizar” o proceso para poder aprobar canto antes o orzamento.

Por último, o portavoz dos populares lembrou que a falta de orzamentos pode carrexar “serios problemas” en moitos dos proxectos e actividades programadas. “Hai investimentos que poden quedar comprometidos por falta de fondos e, ademais, algunhas asociacións están pendentes de saber que cantidade recibirán do concello durante este exercicio”, concluíu Doval.

Deja una Respuesta