FullSizeRender (1) (1)

A Valedora solicita información sobre a tubaxe de Pontevea

A Valedora do Pobo ven de remitir un escrito ao Concello de Teo solicitando información acerca da situación da tubaxe tóxica no tramo de ampliación da rede de abastecemento entre Pontevea e Sta. Mª de Teo, a raíz dunha iniciativa cidadá na que se manifesta estupor e preocupación pola parálise da situación así como por outros casos similares no municipio. Tres anos despois de rematar a obra, segue sen coñecerse que se vai facer coa tubaxe tóxica. Este episodio político amosa unha vez máis a habilidade do executivo de Sisto para converter en crónicos os erros da súa propia xestión.

A falla de información e de xestión para dar solución a este caso motivou a petición de explicacións da Valedora do Pobo ao que se engade a nova solicitude de acceso ao expediente presentada polo grupo popular.

Para o PP de Teo resulta "unha intolerable tomadura de pelo á veciñanza por parte do alcalde, quen non soamente demostra a súa incompetencia para xestionar senón tamén a súa incapacidade para solucionar os problemas que el mesmo crea, convertíndoos en crónicos". Segundo José Manuel Guerra, voceiro do PP teense, "o señor Sisto leva tres anos desprezando o sentir da veciñanza, sen mostrar a máis mínima vontade de solucionar o problema nin de ser transparente durante o proceso".

Altísima sensibilidade do caso

A obra, que tiña establecido un período de execución de catro meses, leva tres anos sen dar servizo. Os primeiros trámites da obra comezaron en setembro de 2013, rematando en marzo de 2014. Unha vez terminada a obra, fixéronse as análises sanitarias da auga previas á posta en funcionamento e foi cando se detectou a presenza de aluminio, información que tanto o executivo de Noriega como o de Sisto ocultaron á información pública. Non foi ata 2016 cando o alcalde explicou que a tubaxe era tóxica e dende ese momento os populares non recibiron nova información, a pesares das reiteradas solicitudes.

De feito, Rafael Sisto ocultou o contido en aluminio da tubaxe da rede de abastecemento instalada no citado tramo, na resposta dada por escrito ao grupo popular hai agora case un ano. No canto de ter acceso a esta información de primeira man, como principal partido da oposición, o Partido Popular tivo acceso á mesma a través de informacións xornalísticas publicadas posteriormente.

En opinión do voceiro popular, o hermetismo continuado e a falta de explicacións á cidadanía por parte do goberno local sobre este caso “fan que a situación sexa insostible, non imos permitir que se repita novamente e queremos toda a información". Por tal motivo, os populares veñen de solicitar de novo o acceso ao expediente para coñecer toda a información que tivo lugar neste último ano, considerando a altísima sensibilidade da cuestión tratada.

Deja una Respuesta