FOTO JOSÉ MANUEL TRABA-BEATRIZ MATO

A Xunta aproba o proxecto do PP para mellorar o saneamento na rúa Manuel Lago

O portavoz do grupo municipal do Partido Popular de Fisterra, José Manuel Traba, mantivo nos últimos días unha reunión coa conselleira Beatriz Mato, na que a titular de Medio Ambiente da Xunta confirmou que Augas de Galicia levará a cabo o proxecto para mellorar o saneamento na rúa Manuel Lago.

Mato aproveitou o encontro para explicarlle ao portavoz popular que a obra, que conta cun orzamento superior aos 275.000 euros, ten todos os permisos para ser licitada, á espera de recibir o informe de Portos de Galicia, para, posteriormente, executala tal e como proxectara o anterior goberno local do Partido Popular encabezado por José Manuel Traba.

“Trátase dunha actuación fundamental e que permitirá solucionar parte dos problemas que se xeran en Fisterra cando sufrimos choivas fortes como as das últimas semanas”, asegurou Traba, quen fixo fincapé en que foi o seu goberno o que xestionou todos os permisos necesarios para poder desenvolver a obra.

Inundacións na lonxa
O portavoz dos populares subliñou que os veciños os contactaron co PP para tratar de acelerar a solución ao problema do saneamento da rúa Manuel Lago, despois de que se inundara a sala de poxas da lonxa tras as fortes choivas das últimas semanas.

“Era un asunto que levaba tempo sobre a mesa e que se agravou nas últimas datas. O que fixemos é falar coa conselleira para acelerar a solución”, dixo Traba, quen lembrou que, produto destas choivas, tamén se levantou o firme do paseo da Ribeira.

Por último, o portavoz dos populares en Fisterra agradeceu o compromiso e a sensibilidade mostrada pola Xunta para poñer solución a este problema. “Mentres que o goberno local se dedica a organizar manifestacións, ten que ser a oposición a que busque solucións aos problemas do pobo”, matizou.

“Ademais de queixarse e de evitar responsabilidades, o alcalde podería preocuparse, polo menos, de saber como está a tramitación de proxectos tan importantes como o da rúa Manuel Lago”, concluíu Traba.

Deja una Respuesta