20160114 Agustín Hernández 2

Acusan a CA de saltarse a lei de contratos para adxudicar a dedo 440.000 euros

O portavoz do Grupo Municipal do PP, Agustín Hernández, ofreceu esta mañá unha rolda de prensa para denunciar unha nova ilegalidade cometida polo goberno de Compostela Aberta, esta vez na tramitación do arranxo das fochancas. “Compostela Aberta é -contractual en nte falando- un goberno fóra da lei”, subliñou Agustín Hernández. Neste senso, tras revisar o expediente, informou que Compostela Aberta adxudicou a dedo a unha mesma empresa 440.000 euros para a realización dos traballos de rebacheo: “É dicir, que Compostela Aberta, sen transparencia, sen publicidade e sen permitir a concorrencia a máis empresas, e empregando unha fórmula extraordinaria, como son os contratos de emerxencia, outorgou a dedo máis de 440.000 euros a unha soa empresa”.

Tal e como explicou o representante popular, este tipo de contratos empréganse para situacións catastróficas, como poden ser os terremotos, as inundacións ou os desastres naturais. Pero, tal e como recolle a normativa, “está prohibido empregar a fórmula de emerxencia para a xestión ordinaria, como é o arranxo das fochancas”. Ademais, no caso do mal estado dos pavimento, non é un problema novo, senón que xa leva máis de oito meses.

“Estamos -continuou- ante unha nova tomadura de pelo de Compostela Aberta á normativa”. Nesta mesma liña, apuntou que o correcto e o conforme á lei sería que o goberno local optase por un contrato de urxencia, co que daría de igual forma unha resposta rápida ao problema e arranxaría os pavimentos. Así mesmo, non vulneraría a lei e non saquearía, unha vez máis, os petos dos santiagueses ao impedir que outra empresa puidese presentar unha proposta mellor e máis barata.

“Estamos a favor do arranxo e das obras de mantemento, pero non desprezando a normativa”, subliñou o voceiro popular, quen desconfía de que estes arranxos respondan ás verdadeiras necesidades desas vías e amósase convencido de que, en poucos meses, se “volverá a repetir a situación de deterioro que temos na cidade”, xa que Compostela Aberta non fixo unha diagnose previa nin unha planificación seria e rigorosa.

Por todo iso, Agustín Hernández insta a que ou ben o concelleiro ou ben o alcalde dean explicacións urxentes por esta contratación a dedo por un valor de 440.000 euros: “Martiño Noriega está facendo do incumprimento da lei de contratos e da dedocracia o seu modus operandi. É o manual de estilo de Compostela Aberta”.

Comparecencia do concelleiro pola obra da rúa das Carretas

Agustín Hernández aproveitou para anunciar que o grupo popular xa presentou no Rexistro Municipal a solicitude de comparecencia -que, no caso de aprobarse, será no vindeiro pleno de maio- do concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade, co fin de explicar as irregularidades detectadas no expediente do proxecto de reurbanización da rúa das Carretas.

Neste senso, explicou que a comparecencia inclúe 13 preguntas, relativas ás prórrogas do prazo da obra, á modificación do proxecto orixinal e á vulneración da Lei de Patrimonio e das prescripcións formuladas pola Comisión Asesora.

Deja una Respuesta