IMG_4020

Acusan á concelleira de Urbanismo de Teo de "deslealdade institucional"

O grupo municipal do Partido Popular de Teo, encabezado polo seu voceiro, José Manuel Guerra, criticou hoxe a “deslealdade institucional” que se esconde detrás da actitude da concelleira de Urbanismo, Uxía Lemus, quen desde hai uns días iniciou unha campaña instando os veciños a rexeitar o estudo de recoñecemento de tramos urbanos, unha norma que só persegue mellorar a actual situación e que se rexe en base ao Plan Xeral de Ordenación de Teo.

Para os populares, a actitude da señora Lemus responde á "vella e inútil estratexia de embarrar o campo para tratar de esconder a súa ineficacia logo de dous anos de incapacidade para elaborar unha soa liña do PXOM” que, tal e como lembrou Guerra, converte en problemas o que desde o Goberno autonómico pretenden ser solucións para os veciños de Teo.

Neste sentido, desde o grupo municipal cualificaron de “gravemente irresponsable” que desde a concellería de Urbanismo se emprendera unha campaña para tratar de enganar aos veciños unha vez máis. "O alcalde debería dar a cara e aclarar se respalda á súa concelleira ou se desmarca deste intento por deixar en evidencia a propia xestión do Concello de Teo en materia urbanística, feito ao que se engade o recente ridículo con cacerolada inclusive no pleno da pasada semana trala nefasta xestión do POS 2018. Unha tras outra", sinalou Guerra.

O grupo popular sostén que nos núcleos situados nas marxes das estradas convencionais é a ordenación urbanística a que establece unha posición para os peches e as edificacións menos restritivas que o establecido pola lei. Nas vías de alta capacidade mantense o xa establecido pola normativa urbanística. En consecuencia, é o Plan Xeral Municipal o que marca as restricións. O portavoz popular sinalou que “non é culpa da Xunta nin dos veciños de Teo que o plan vixente renunciara a esta potestade”.

Así mesmo, desde o grupo popular acusan a Uxía Lemus de “manobrar en contra dos intereses dos veciños e veciñas de Teo”, alentando a presentación masiva de alegacións contra a nova delimitación, desenvolvida para “protexer o patrimonio dos propietarios e, ao mesmo tempo, facilitar futuras intervencións aforrándolles aos cidadáns longos e engorrosos trámites”.

José Manuel Guerra puxo de manifesto as súas “fundadas sospeitas” de que a actitude da edila “responde a ocultos intereses” e que pon en evidencia “o abismo que separa ao alcalde dos seus socios de goberno”.

Deja una Respuesta