carballeiraBaio1

Acusan ao alcalde de crear un problema co “capricho” de adquirir a Carballeira de Baio

O grupo municipal do Partido Popular de Zas, encabezado polo seu portavoz, David Gómez, acusou hoxe ao alcalde, Manuel Muíño, de crear un problema veciñal onde non o había co seu “capricho” de adquirir para o municipio os terreos da Carballeira de Baio.

“Non hai necesidade ningunha de que o Concello entre nunha disputa coas familias propietarias destes terreos”, asegurou o popular tras coñecer que o executivo local está disposto a iniciar o proceso de expropiación no caso de que os veciños non accedan ás condicións de compra que fixa o executivo local.

Neste sentido, David Gómez afirma que as familias afectadas “merecen un respecto e un trato moito máis amable por parte do Concello”, tendo en conta que, tal e como lembrou o popular, levan corenta anos poñendo ao disposición dos veciños estes terreos para celebrar a Festa da Carballeira “de maneira totalmente desinteresada”.

Negociación e prezo xusto
Por todo isto, desde o grupo municipal do Partido Popular de Zas consideran que o alcalde non ten que impor nada e que está na obriga de “negociar” cunhas familias ás que o municipio, e el en particular, debería estar “moi agradecido” polo que fixeron estes anos.

Así mesmo, o portavoz popular referiuse tamén ás palabras de Muíño nas que xustificaba o prezo fixado para a adquisición dos terreos baseándose nuns informes técnicos municipais.

“Todos sabemos que hai maneiras de poder taxar este terreo doutra maneira”, dixo Gómez, quen incidiu en que, de non ser así, ou de non querer facelo así, o Concello non debería iniciar o proceso de expropiación e crear un problema onde non existe.

“Hai suficientes necesidades que atender e problemas que resolver como para que o alcalde pretenda gastarse o diñeiro dos veciños nun capricho seu”, lamentou o popular, quen fixo fincapé en que o goberno municipal conta cos cartos para pagar un prezo xusto polos terreos.

Así, os populares subliñaron que o executivo local, en lugar de destinar a gasto corrente máis de 400.000 euros do Plan Único da Deputación da Coruña, podería utilizar parte desta partida a abonar o prezo que as familias fixan para estes terreos.

Por último, e ante a polémica e o enfrontamento xerado por todo este asunto, os populares esperan non ter que “lamentar” a actitude do alcalde e ver como o Concello de Zas e os seus veciños perden a posibilidade de celebrar nun lugar emblemático a Festa da Carballeira que, a día de hoxe, tense convertido nun “reclamo turístico” para o municipio.

Deja una Respuesta