MARTINEZ

Acusan ao alcalde de “saltarse a lei” na adxudicación de contratos menores de servizos externos

O grupo municipal do Partido Popular de Mazaricos, encabezado polo seu portavoz, Nicolás Martínez, acusou hoxe ao alcalde, Juan Blanco, de “saltarse a lei” de maneira reiterada na adxudicación de contratos menores de servizos externos, en concreto, no servizo de mantemento de redes sociais, superando, en case o dobre do permitido –máis de 33.000 euros-, o montante destas actuacións.

O popular, que asegurou que esta forma de proceder non é “puntual” neste concello, defendeu que o propio interventor municipal xa recolleu esta anomalía nun informe dado a coñecer o pasado 6 de xullo do 2016.
“Non se pode presumir de transparencia na xestión municipal e despois utilizar este mecanismo para adxudicar as contratacións sen publicidade e sen dar información aos veciños”, apuntou Martínez, quen subliñou que o rexedor sigue facendo os pagos “como se non pasara nada”.

Así mesmo, o portavoz dos populares defendeu que neste asunto en concreto “non hai nada que debater”, e esixiu que o goberno municipal “cumpra estritamente” o que marca a lei de contratos menores.

Outros asuntos municipais
Noutra orde de cousas, Martínez acusou ao señor Branco de “facer oídos xordos” ás peticións dos veciños, despois de que o rexedor se escusase na falta de orzamento para non acometer as obras de mellora no camiño de Gosolfre.

“Resulta que di que non hai diñeiro e despois decide arranxar un camiño paralelo ao que lle solicitaron os veciños”, indicou o popular, quen denunciou que neses despois desta actuación, e sen chover, o camiño arranxado “atópase peor do que estaba”.

Ademais, e aproveitando a celebración do último pleno, Martínez volveu preguntar ao executivo local pola tramitación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), despois de que o rexedor asegurase o pasado 15 de setembro que “estaba a piques de saír”.

Por último, o portavoz dos populares en Mazaricos lamentou que o señor Blanco “se poña nerviosos cada vez que se lle pregunta por algún asunto. Non debe gustarlle que fagamos oposición”.

Deja una Respuesta