20160208 Agustín Hernández

Acusan ao goberno local de non defender o servizo de transporte público de Os Tilos

O Grupo Municipal do PP insta ao Goberno local a que explique os motivos polos que non se personou no litixio contra o convenio que dá cobertura legal ao servizo de transporte urbano á urbanización de Os Tilos e acúsao de non defender os intereses de Santiago.

Tal e como explica o grupo popular, esta negativa supón que o concello de Santiago perda o dereito a realizar determinados trámites, polo que presentará unha pregunta oral no vindeiro pleno interesándose polo asunto e instando ao Goberno local a que explique os motivos polos que se negou a personarse e se ten pensado corrixir esta actitude de deixamento das súas funcións. Para o PP, este feito supón unha falta máis de compromiso de Compostela Aberta na defensa dos intereses de Santiago e dos seus veciños.

No mes de setembro do pasado ano, tras a sinatura do convenio para a extensión do servizo de transporte urbano á urbanización de Os Tilos, entre a Xunta de Galicia e os concellos de Santiago e Teo, unha empresa de transporte público interpuxo un recurso contra o dito convenio. Pola súa condición de interesado, o concello de Santiago debería terse personado no procedemento co fin de defender o convenio e, polo tanto, os intereses de Santiago: “Tanto o concello de Teo coma a administración autonómica si se personaron. Pero este non foi o caso de Santiago”. “Chama a atención -subliñan os populares- que o Goberno local non defenda un convenio que el mesmo subscribiu”.

Tal e como recordan, coa sinatura do dito convenio saldouse unha demanda histórica da consolidación do servizo. “Supuxo a regularización da situación e blindou o servizo de transporte público ao municipio de Teo”, destacan. Foi Agustín Hernández, primeiro como conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e, logo, como alcalde de Santiago, quen desbloqueou este asunto e quen impulsou de forma definitiva a solución a un problema xurídico enquistado. Este convenio reporta beneficios para os dous concellos, xa que os residentes de Os Tilos gozan de máis vantaxes do transporte público urbano e o concello de Santiago garante que a poboación do municipio veciño siga facendo vida no concello.

Para finalizar, os populares recordan que “non é a primeira vez que Compostela Aberta se amosa contraria a defender o transporte público en Santiago”. Neste senso, destacan a negativa á renovación da flota de autobuses urbanos, prevista para o pasado ano; impedindo, ademais de mellorar a imaxe da flota, contar con autobuses máis eficientes, sostibles e accesibles.

Deja una Respuesta