IMG_1444

Advierten da inseguridade xurídica do tren turístico, sen contrato desde 0 15 de xaneiro

A concelleira do Grupo Municipal Popular, María Antón, trasladou, esta mañá, a súa preocupación pola situación na que se atopa o tren turístico, sen soporte xurídico desde o pasado 15 de xaneiro: “Nestes momentos, está nunha situación de precario, porque o precario instalouse con Compostela Aberta no concello de Santiago”. “O ano pasado, estabamos -engadiu- na fase do prorrogado, prorrogábanse todos os contratos; e, este ano, estamos na fase do precario, como acontece cos centros socioculturais, a ora e o guindastre e o tren turístico”.

Tal e como explicou a concelleira do grupo popular, o tren turístico vén funcionando mediante un procedemento de concesión promovido no 2007 pola sociedade pública Incolsa, que se mantivo tras unha nova concesión á mesma empresa en 2011, pero que, debido a unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no 2015, foi revogada. Para dar cumprimento a esa sentenza, os técnicos tiveron que avaliar novamente as ofertas das empresas presentadas, resultando gañadora a mesma empresa que fora adxudicataria. “Debido a que o servizo estivo parado durante os tres meses que durou esta avaliación, o alcalde prorrogou este contrato tres meses máis. É dicir, se o contrato orixinal vencía o cinco de outubro, a nova data de vencemento quedaba fixada para o 15 de xaneiro”.

Fai máis de 15 días que o contrato venceu e o tren turístico segue funcionando. Por todo isto, a concelleira do grupo popular anunciou unha pregunta oral no vindeiro pleno para que Compostela Aberta aclare os motivos polos que se está a prestar este servizo sen soporte xurídico e que custe económico vai ter para o peto dos santiagueses.

Na rolda de prensa, a concelleira avanzou, ademais, que o prazo para presentación de ofertas dos novos pregos, que foron presentados no Consello de Administración de Incolsa o pasado 5 de xaneiro, está aberta ata o vindeiro dous de marzo. “O tren turístico debería estar con todas as garantías antes da Semana Santa, pero dubídoo, xa que cando se lle pregunta ao alcalde sempre di que é alérxico aos prazos”, salientou.

Deja una Respuesta