IMG_0196

Advierten do posible "trafico ilegal" de datos do Concello para os Orzamentos Participativos

concelleiro Alejandro Sánchez- Brunete anunciou, esta mañá, que o Grupo Municipal Popular presentará por rexistro a solicitude de comparecencia da concelleira de Facenda, María Rozas, para que informe, en primeiro lugar, da denuncia dunha cidadá e da correspondente investigación que abriu hai uns meses a Axencia Española de Protección de Datos (AEPD) sobre o proceso de Orzamentos Participativos. Neste senso, recordou que foi a denuncia presentada por unha veciña de Santiago, ao decatarse de que tanto a súa identidade coma a do seu marido foran suplantadas e figuraban como participantes no citado proceso sen ter vontade de facelo, a que motivou a investigación.

Pero independentemente das posibles suplantacións de identidade, que poden alcanzar unha cifra superior á recoñecida -xa que pode haber veciños que descoñezan que foron dados de alta no proceso sen o seu consentimento-, Sánchez-Brunete alertou dun posible “tráfico ilícito de datos” entre o concello e unhas empresas privadas.

“Urxe pois unha aclaración sobre a responsabilidade do Goberno de Compostela Aberta nas suplantacións denunciadas e no tráfico de datos que se advirte a favor de determinadas empresas, algunha na órbita do holding das Mareas de Podemos”, salientou. “Irresponsable neglixencia ou interesada complicidade?”, preguntouse o concelleiro.

Sánchez-Brunete fixo especial fincapé no posible “tráfico ilegal dos datos dos cidadáns” entre o concello e as diversas empresas participantes no proceso. Tal e como explicou, cando unha contratación dun servizo ou proxecto implica un manexo de datos persoais dos cidadáns que obran no Padrón municipal, a empresa ten que firmar un contrato - complementario ao de adxudicación- no que figuren as instrucións de tratamento destes datos. Isto é, “teñen que determinarse as medidas de seguridade, a forma de dar resposta aos dereitos de acceso, rectificación, cancelación e, tamén, débese prever a destrución ou devolución deses datos ao concello no momento da finalización do contrato”.

Pero, no expediente de contratación dos orzamentos participativos, non figura ningún deses contratos complementarios nin tampouco que a empresa destruíra eses datos ou os devolvese ao concello a finais de 2016. “Atopámonos ante un tráfico ilegal de datos, pois hai unha cesión á empresa contratada e á outra subcontratada, sen as garantías suficientes e, ademais, a primeira empresa estase quedando con eses datos. Estamos ante a privatización de algo tan delicado como son as informacións persoais dos veciños e veciñas de Santiago”, subliñou.

A través da comparecencia, o grupo municipal agarda que a concelleira responsable explique por que non informou das irregularidades na reunión de seguimento dos Orzamentos Participativos do mes de xuño; aclare se o goberno tomou medidas de comprobación para saber o número real de afectados por suplantación de personalidade; se iniciou algunha investigación ao respecto; os motivos polos que consentiu que a empresa se quedase cos datos de participantes de 2016 para o proceso do ano seguinte; e por que se permitiu que as empresas manexasen datos dos cidadáns sen control.

Para finalizar, o concelleiro popular denunciou o bloqueo de Compostela Aberta a que o grupo popular revise o expediente completo: “É a mostra do seu talante e un indicio da existencia de irregularidades no proceso que queren ocultar”.

Deja una Respuesta