image

Advirten da situación irregular e da precariedade na xestión dos centros socioculturais

O Goberno municipal de Compostela Aberta continúa sen resolver a situación anómala da xestión dos centros socioculturais, a pesar de que o contrato de prestación de servizos para estas instalacións municipais rematou hai máis de cinco meses. Desde entón o servizo estase a manter coa mesma empresa que o viña prestando con anterioridade, sen que se coñeza o respaldo legal para
esta continuidade.

Esta situación anómala xa foi advertida polo Grupo Municipal do Partido Popular no transcurso da sesión plenaria do pasado mes de xullo, sen que o Goberno aclarara as razóns e os motivos para non licitar mediante concurso público un contrato que se aproxima aos 2 millóns de euros (1.982.874 euros) e do que dependen na actualidade 42 persoas traballadoras. A pesar do tempo transcorrido desde o remate do contrato e dos propios informes municipais que, ante a falta de previsión do Goberno, recoñecían que os trámites para unha nova licitación do servizo non poderían cumprimentarse ata o pasado 31 de xullo, o certo é que a xestión continúa a prestarse nunha situación de inseguridade xurídica que pode ter graves consecuencias para o Concello, tendo en conta que a prestación actual
carece do marco legal axeitado.

Os populares advirten da complexa situación que se podería producir ante un posible accidente nunha actividade prestada por unha empresa sen un contrato regulado legalmente e quen asumiría as consecuencias que se puideran derivar desta eventualidade, ao mesmo tempo que sinalan os beneficios da apertura dun proceso de concorrencia pública para unha posible mellora das condicións económicas neste servizo.

Para o Grupo Municipal Popular a situación dos centros socioculturais é unha mostra máis da imprevisión, do desleixo e da nula capacidade de xestión do Goberno de Compostela Aberta. Unha actitude que se evidencia de forma notoria no eido cultural con procedementos truncados como a contratación do director-xerente do Auditorio de Galicia, a supresión da décima edición do Festival de Músicas Contemplativas, a prolongada vacante da praza de director da Banda de Música Municipal ou a contratación in extremis do espectáculo pirotécnico e audiovisual do 25 de xullo, pero que se estende á totalidade das áreas do Goberno nas que é práctica habitual a continua prórroga de servizos e de prestacións e a proliferación de contratos menores adxudicados de forma directa, relegando
os concursos públicos de libre concorrencia que ofrecen, ademais dunha maior transparencia e igualdade de oportunidades, maiores vantaxes para uns servizos municipais máis eficaces e eficientes.

Deja una Respuesta