20160920 Fotografía Sánchez-Brunete

Advirten do “fracaso” de CA na aplicación do Bonotaxi, dirixido a persoas con mobilidade reducida

O concelleiro do Grupo Municipal Popular, Alejandro Sánchez-Brunete, ofreceu, esta mañá, unha rolda de prensa para denunciar “o fracaso” de Compostela Aberta na posta en marcha da iniciativa Bonotaxi, da que unicamente concedeu “tres axudas” a persoas con mobilidade reducida no 2017: “Unicamente o 6% -900 euros dos 15.000 consignados-, chegou ás persoas que se ven obrigadas a coller un taxi por razóns de mobilidade reducida”.

A cifra consignada por Compostela Aberta limitouse a 15.000 euros, co fin de ofrecer a numerosas persoas axudas máximas de 300 euros, en función da renda. Pero, tal e como indicou o edil popular, a sorpresa produciuse ao coñecer a resolución da convocatoria de axudas individuais para o uso deste servizo de taxi: “Sendo centos as persoas ou familias que poderían estar interesadas, as axudas só foron solicitadas por catro persoas e o concello concedeu tres”. “O goberno de Compostela Aberta –engadiu- dedica máis esforzos á propaganda estéril que á información útil, e é incapaz de transformar a solidariedade fiscal dos contribuíntes en apoio social aos cidadáns máis necesitados”.

Tal e como recordou Sánchez-Brunete, o pasado mes de maio, a través dunha iniciativa no pleno, o grupo popular propuxo a implantación do sistema do bonotaxi, un paquete de axudas para que aquelas persoas con dificultades graves para o uso do autobús puideran dispoñer do taxi como medio alternativo máis axeitado ás súas necesidades. “Pensando nesas persoas e tamén nos seus coidadores, propuxemos o bonotaxi, xa que, aínda que os coidadores dispoñan de coche, non é sinxelo o desprazamento”, engadiu. Por ser unha medida “necesaria e incuestionable, a medida concitou a unanimidade de todos os grupos, incluído o do goberno de Compostela Aberta, que tramitou o expediente administrativo para implantar o sistema de axudas”.

Segundo explicou o edil, un indicio da cantidade de persoas que teñen recoñecida a súa limitación para subirse a un autobús é o número de tarxetas autorizadas que se firman todos os días no departamento de Tráfico para estacionar en prazas reservadas para vehículos que trasladen a persoas con discapacidade. Estas tarxetas indican a existencia de moitas persoas que teñen recoñecida pola Xunta de Galicia a súa mobilidade reducida. “Vemos –engadiu- que unha boa iniciativa fracasa cando é xestionada polo goberno de Compostela Aberta”.

Para Sánchez-Brunete, a política social no concello de Santiago está “en mans mortas”. “Estamos ante un exemplo claro de quen dedica máis esforzos á propaganda estéril que a información útil”, porque, tal e como salientou o edil popular, Compostela Aberta non informou convenientemente aos usuarios. Nesta mesma liña, o edil popular referiuse ao informe proposta da Concellaría de Políticas Sociais no que se destaca a necesidade de contar con este tipo de medidas, tal e como se pon de manifesto en varios extractos da mesma: “A existencia de medios de transporte adaptados resulta esencial”;“medidas para corrixir desigualdades”;“fomentar a autonomía”; “favorecer a convivencia comunitaria” ou “incidindo no principio de igualdade. “O goberno ínflase nos teóricos discursos sociais e desínchase na real xestión administrativa”, salienta.

É por todo isto polo que os populares consideran que o goberno ten que explicar “que fallou” e ínstano a que identifique, unha vez máis, “a súa neglixencia, o seu abandono e a súa falta de interese na xestión pública”. Neste senso, o grupo popular xa avanza unha iniciativa no pleno para que se corrixan e melloren aspectos da convocatoria de axudas, e que tamén será “unha guía para que o Goberno local sexa capaz de trasladar a información das axudas aos afectados”.

Deja una Respuesta