IMG_0139

Agustín Hernández carga contra a municipalización da ORA

O portavoz do Grupo Municipal Popular, Agustín Hernández, referiuse, esta mañá, á decisión do Goberno de Compostela Aberta de prorrogar unha vez máis a “situación alegal” do servizo de ora e guindastre. Neste senso, denunciou que “o acordo fíxose con nocturnidade” nunha Xunta de Goberno Extraordinaria celebrada o pasado venres, 28 de abril, agochándoo aos grupos da oposición, cando existe unha comisión constituída. Para o representante popular, esta é unha mostra máis do escurantismo, da falta de transparencia e do afán de ocultar de Compostela Aberta.

Agustín Hernández volveu salientar as moitas sombras que hai arredor do proceso de municipalización, polo que instou novamente ao Goberno local a que aparque as présas, aclare todas e cada unha das dúbidas e busque o interese xeral e non o partidista. “É un goberno que non está transparentando razóns, senón que oculta prexuízos”, incidiu. Nesta mesma liña, insistiu na necesidade de que o alcalde explique as moitas sombras que hai en todo o proceso, xa que debe aclarar os motivos polos que non contestou ao recurso interposto pola empresa en febreiro de 2016 e que, a finais de ano, aínda estaba sen resolver: “Non hai ningunha resistencia á municipalización, si moita carga ideolóxica apriorística de Compostela Aberta sobre a recuperación do servizo”.

Para o portavoz popular, Compostela Aberta móvese entre o vitimismo sen causa e a municipalización sen fundamento: “Non sabemos se o alcalde ao final optará pola municipalización sen fundamento, sen as debidas xustificacións e sen informes; ou optará polo vitimismo que xa albiscamos desde hai un tempo”. “Non temos dúbida –engadiu- de que o alcalde intentará atopar un culpable para xustificar a tese da resistencia aos procesos de municipalización”.

Para finalizar, salientou que fronte ás urxencias do alcalde, o grupo popular sempre pediu prudencia e responsabilidade. Neste senso, denunciou que o expediente aínda non está listo para ir ao pleno.

Deja una Respuesta