IMG_4298

Agustín Hernández denuncia o atraso nas obras de mellora do estadio de San Lázaro

O portavoz do Grupo Municipal Popular, Agustín Hernández, denuncia o atraso na posta en marcha das obras de mellora do estadio de San Lázaro que, tal e como subliña, se atopa nun estado lamentable e con importantes deficiencias.

O pasado mes de xullo de 2016, o concello de Santiago e a Federación Galega de Fútbol firmaban un convenio de colaboración para mellorar a presenza da entidade deportiva na cidade. Mediante dita sinatura, o concello asumía a obriga de resolver no prazo máximo de tres meses o procedemento de licitación do contrato de obras de acondicionamento e seguridade. “Desde entón, o concello non deu ningún paso para cumprir con ese acordo e, polo tanto, avanzar na actuación do estadio e poñer fin así a seu mal estado”, lamentou.

Agustín Hernández informa de que a semana pasada a Federación Galega de Fútbol sacou a licitación o proxecto de acondicionamento da Sala C do estadio -as antigas dependencias da Secretaría Xeral de Deporte da Xunta de Galicia-, polo que urxe ao concello a que cumpra coa súa obriga e avance de xeito inmediato na mellora das instalacións do recinto. A nula xestión de Compostela Aberta e o atraso na licitación das súas actuacións poden derivar nun problema para a entidade deportiva, xa que terá que actuar nunha instalación que presenta danos.

Neste senso, o portavoz popular insta ao Goberno de Compostela Aberta a que explique os motivos desta tardanza. “No mes de xullo, acordouse que en tres meses o concello resolvería a licitación das obras de mellora para as fases I e II. Os tres meses xa pasaron, estamos terminando novembro e aínda non temos ningunha nova dos plans do concello”, lamentou. “É inaudito -engadiu- que o concello dispoña xa dos 763.000 euros aportados pola federación para as obras de reparación e non fose capaz de mover un só papel”.

Neste senso, Agustín Hernández recorda foi o goberno anterior quen levou a cabo unha identificación e diagnose da situación de San Lázaro e a redacción dun proxecto de mellora. Foi no último ano de mandato cando se iniciaron as negociacións coa Federación Galega de Fútbol para aproveitar as instalacións da Secretaría Xeral de Deporte da Xunta de Galicia e se incluíu no orzamento de 2015 unha partida para acometer o inicio das obras.

Agustín Hernández denuncia unha nova mostra máis de deixamento do Goberno local, así como a súa falta de interese por mellorar unha instalación deportiva vital para a cidade. O prazo de execución das obras estímase de seis meses: “Se o concello fixera os seus deberes con responsabilidade, en tempo e forma, as obras xa poderían estar comezadas”.

Deja una Respuesta