20151013 Fotografía RP Leite galego

Hernández insta ao Goberno a que se sume á promoción do leite ‘Galega 100%’

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular, Agustín Hernández, presentou, esta mañá, unha moción que insta ao Goberno local a que se sume á campaña de promoción da marca ‘Galega 100%’, que está a desenvolver a Xunta de Galicia e que identifica co seu selo o leite de calidade, producido nas explotacións da nosa comunidade.

Neste senso, o representante popular informou de que na comarca de Santiago o sector lácteo segue a manter un peso importante na economía local, tal e como o testemuñan as 1.521 explotacións de gando bovino existentes, que acubillan máis de 54.000 cabezas. Dese total, ao ámbito territorial do noso concello correspóndelle 422 explotacións, das cales 57 son de leite e mixtas, cun total de 1.930 animais. “Hoxe en día, 24 desas 57 explotacións xa se poderían adherir a esta campaña”, explicou Agustín Hernández, quen destacou que o obxectivo desta iniciativa é poñer en valor “a excelente calidade do leite, impulsar o consumo e o recoñecemento deste produto”.

O representante popular recordou que no pasado pleno de setembro se aprobou unha declaración institucional de apoio ao sector lácteo. “É o momento de pasar das palabras aos feitos, para incrementar o valor do produto e os beneficios das explotacións”, salientou. Do mesmo xeito, os populares instan a que se promovan accións de forma conxunta cos colectivos sociais e empresariais do concello, para desenvolver actuacións promocionais e de concienciación coas asociacións de consumidores e co gremio hostaleiro, así coma tamén levar a cabo a entrega de leite ‘Galega 100%’ nos principais eventos lúdicos e deportivos deste concello.

Agustín Hernández avoga por sumar esforzos de todas as administracións para avanzar nesta promoción que estimule o consumo leite e permita identificar a súa orixe, permitindo que o leite galego sexa recoñecido entre os consumidores. Para finalizar, o voceiro popular subliñou que “é unha iniciativa para sumar e estar ao carón do noso sector lácteo”.

Deja una Respuesta