20160208 Agustín Hernández

Hernández propón un bono para poñer en valor os museos de Santiago

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular, Agustín Hernández, ofreceu esta mañá unha rolda de prensa para presentar o ‘Bono Museos de Santiago’, unha iniciativa que pretende ser unha nova ferramenta coa que se poña en valor a oferta museística do concello.

Tal e como destacou Agustín Hernández, en Santiago existen 15 museos de moi variada temática, de diferente titularidade e con diversas modalidades de pago; dos que un importante número deles apenas son coñecidos pola inmensa maioría dos veciños e veciñas de Santiago e, tamén, pasan desapercibidos para a gran partes dos visitantes. “Esta proposta pretende rachar con ese descoñecemento, pero para iso é imprescindible que o goberno local lidere esta acción e promova unha estratexia de promoción conxunta articulada arredor da creación desta tarxeta única”, subliñou o voceiro popular, quen destacou que este bono permitiría o acceso a todas estas instalacións en condicións vantaxosas.

Neste senso, tamén incidiu na posibilidade de facer extensible dita proposta ao ámbito da asociación Área Santiago. Se temos en conta a Área Santiago, estaríamos a falar doutras 15 instalacións expositoras máis, entre as que están o Museo Terra de Melide, a Casa Museo Rosalía de Castro ou a Fundación Camilo José Cela. É unha proposta factible e positiva, tanto para o conxunto da cidadanía e as persoas que nos visitan, como para a propia actividade e mantemento dos museos; que esixe un traballo conxunto entre o goberno local, os titulares das diferentes instalacións e os concellos da comarca.

O bono Museos de Santiago comportaría moitos beneficios. Ademais dun importante aforro, suporía darlle máis visibilidade e un maior recoñecemento a ampla oferta museística existente. Tal e como subliñou o voceiro popular, a máis visibilidade, máis coñecemento e, polo tanto, unha maior probabilidade de que se incremente o número de visitantes e a estancia na cidade.

Deste xeito, o grupo popular presentou a terceira das proposicións que levará ao vindeiro pleno do 18 de febreiro. A semana pasada, presentou unha iniciativa para impulsar a promoción turística de Área Santiago e a proposta ‘2016: Ano da Irmandade Cultural’.

Deja una Respuesta