foto Alberto 1

Alberto Piñeiro será o novo voceiro do Grupo Municipal Popular do Concello de Ames

O Grupo Municipal Popular ven de nomear a Alberto Piñeiro Rodríguez, número dous da candidatura do PP de Ames, como novo voceiro no Concello. Logo do pleno de onte, no que se tomou coñecemento da renuncia de Santiago Amor, os concelleiros que actualmente forman o Grupo Popular de Ames decidiron, por unanimidade, reestruturar o seu organigrama.

Así, Alberto Piñeiro asumirá o papel de voceiro, se ben o resto de concelleiros actuarán como voceiros suplentes. Esta decisión foi consultada tamén co próximo concelleiro do Grupo Popular, Roberto Martínez, quen se sumou ao acordo adoptado polos seus próximos compañeiros.

Alberto Piñeiro asume o reto “con ilusión e responsabilidade”, ao tempo que asegura que “o Grupo Popular aportará traballo e seriedade ao Concello dende a oposición”.

Alberto Piñeiro adiantou que pedirá entrevistarse co alcalde, José Miñones, en “aras da normalidade institucional do Concello”. Tamén indicou que nas próximas datas se programará o traballo do grupo municipal de cara aos vindeiros meses, nos que se tratarán temas importantes coma “o ciclo integral da auga, o Plan de Aforro e Investimento ou os orzamentos municipais”.

Perfil de Alberto Piñeiro

Nado no ano 1983, Alberto Piñeiro é veciño de Milladoiro. Doutor en Física pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) e gañador do premio “David Prize” ao mellor traballo de teoría no Trends in Nanotechnology 2009, actualmente traballa como profesor de ensino secundario no Colexio Plurilingüe Jaime Balmes de Noia.

Foi investigador no Instituto de Investigacións Tecnolóxicas da USC durante a súa etapa de doutoramento, realizando varias visitas a centros tecnolóxicos en Europa e Estados Unidos.

Tamén foi profesor-tutor da Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED) en Pontevedra, e profesor de secundaria no colexio San José de Cluny en Santiago de Compostela.

Piñeiro foi membro do Consello da Xuventude de Galicia dende o 2004 ata o 2010, do que foi Tesoureiro; así como integrante da Xunta Directiva do PP de Galicia e Vicesecretario Xeral de Novas Xeracións de Galicia dende 2006 ata 2014.

Deja una Respuesta