image

Alertan de falta de transparencia na selección das propostas elixidas para a Casa da Xuventude

A raíz das informacións publicadas polo concello sobre a selección de cinco propostas de dinamización a desenvolver na Casa da Xuventude nos meses de setembro e outubro, o Grupo Municipal Popular insta ao Goberno local a que informe dos criterios empregados para a elección dos proxectos, as bases que regularon o proceso e así como tamén os membros que conformaron o órgano de selección. Neste senso, advirte da falta de transparencia do goberno de Compostela Aberta e lamenta que haxa “moitas máis sombras que luces”. “É inaudito -engade- que o concello publique os gañadores dun proceso do que non se coñecen as bases que o rexen nin tampouco os criterios que se tiveron en conta para estimar uns proxectos e descartar outros”. Os populares instan ao executivo municipal a que poña luz e taquígrafos neste asunto co fin de que o proceso conte con todas as garantías.

Nesta mesma liña, fan fincapé en que “chama a atención que Compostela Aberta anuncie os proxectos gañadores unha semana despois de que o grupo popular rexistrara unha batería de preguntas interesándose polo desenvolvemento da Casa da Xuventude”. Nesta iniciativa, o grupo popular instaba ao concello a que clarificara a situación actual e futura do edificio e informara, tamén, do proceso de autoxestión -denominado así por Compostela Aberta-. Neste senso, urxe coñecer a empresa, asociación ou entidade allea ao Concello á que se lle teñan encomendado a atención, coidado e mantemento da Casa da Xuventude; así como o procedemento que se seguiu para a súa contratación e o custo que ten para as arcas municipais.
A negativa a facilitar información sobre a Casa da Xuventude é algo recorrente deste goberno, xa que tal e como recordan os populares, o pasado 27 de xuño, trasladaban unha pregunta escrita relativa á posesión das chaves da Casa da Xuventude na praza do Matadoiro e á posible cesión dese inmoble, da que a día de hoxe aínda non recibiron resposta do concello. Por iso, inciden na importancia de que o Goberno local informe debidamente á veciñanza en que consiste exactamente o proceso de autoxestión e se encaixa co Regulamento e coa Rede de Centros Socioculturais de titularidade municipal. Logo do traslado dos servizos autonómico e da recuperación do uso municipal, aínda non están clarexadas cuestións como a regularización dos servizos básicos do inmoble ou quen aboa os gastos correntes do edificio.

Para o grupo popular, o aspecto laboral é un dos asuntos primordiais que é preciso explicar, xa que se descoñece o réxime laboral e a vinculación coa administración municipal das persoas que atenden na actualidade estas instalacións. “Tampouco sabemos se hai algún tipo de supervisión por parte do concello sobre as convocatorias, informacións e actividades que se están a desenvolver na Casa da Xuventude. Todo son incógnitas”, lamenta.

Do mesmo xeito e ante as últimas declaracións do concelleiro de Espazos Cidadáns, Jorge Duarte, sobre a convocatoria dun concurso de arquitectura e a posible actuación no edificio o próximo ano, os populares instan ao Goberno de Compostela Aberta a que dea conta dos plans previstos e do importe que terá que asumir o concello por ditos traballos. “Chama a atención que quen dirixiu a campaña ‘Paremos o malgasto’ contra o derrubo da Casa da Xuventude, secundada por varios membros do actual equipo de goberno, agora pretenda levar a cabo obras no edificio sen especificar a contía á que ascenderán”, inciden.

Deja una Respuesta