FOTO REUNIÓN

Ánxeles Vázquez fai un chamamento para a promoción do leite ‘Galega 100%’

A conselleira de Medio Rural, Ánxeles Vázquez, anima aos alcaldes e portavoces do Partido Popular a que se unan á promoción do consumo de leite de calidade ‘Galega 100%’. A nova conselleira mantivo unha xuntanza cos representantes do PP en Curtis, para invitalos a que se unan á súa divulgación.

Vázquez incidiu en que, en Galicia, hai moitos concellos con intereses leiteiros, polo que as entidades locais teñen moita capacidade para promocionar esta marca entre a súa veciñanza e, deste xeito, contribuír a mellorar os beneficios económicos dos produtores de leite e o seu nivel de vida.

Ademais, a conselleira explicoulle a estes representantes que a Xunta deseñou unha ampliación da campaña adaptada ás entidades locais que desexen voluntariamente sumarse e apoiar ao sector.

O obxectivo non é outro que o de sumar esforzos na promoción do sector lácteo e de evitar unha multiplicidade de mensaxes e marcas diferentes. Así, a conselleira informou de que a Xunta porá á súa disposición o deseño do material promocional totalmente de balde, para que desde os municipios o reproduzan da maneira que desexen e que consideren axeitada.

O selo de calidade “Galega 100%”
A Xunta, na súa aposta pola promoción e o consumo dos produtos agroalimentarios galegos, puxo en marcha a campaña Galega 100% para reiterar e amosar o firme compromiso da administración galega co sector leiteiro, e co obxecto de servir como garantía de calidade para os consumidores.

Esta marca e a súa xestión é propiedade do Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (LIGAL), organismo no que están representadas as industrias lácteas e os produtores de leite.

Este selo de calidade identifica o leite e os produtos lácteos feitos con materia prima galega -procedente de explotacións leiteiras que acadan de modo continuado parámetros de calidade superiores aos esixidos pola normativa comunitaria-, elaborados e envasados en Galicia.

Esta distinción ten como principal obxectivo facer posible a identificación, por parte dos consumidores, dos produtos lácteos galegos de calidade diferenciada con tan só ver unha identificación.

Deja una Respuesta