ENCUENTRO MELIDE

Ánxeles Vázquez garante que na próxima lexislatura o PPdeG pechará os procesos de concentración parcelaria

O presidente provincial e candidato número un ao Parlamento galego pola provincia da Coruña, Diego Calvo, acompañou, esta mañá, á tamén candidata e conselleira Ánxeles Vázquez no acto sectorial do medio rural que tivo lugar en Melide e ao que asistiron máis de 300 profesionais do sector.

Ánxeles Vázquez avanzou que a prioridade do PPdeG para os vindeiros catro anos seguirá sendo facer máis atractivo o rural, para o que presenta un programa con medidas ambiciosas, co fin de que a próxima lexislatura sexa a “lexislatura do rural”. “A pesar de que nos últimos anos
-continuou- avanzouse moito, aínda nos queda moito por facer”. Neste senso, recordou que o goberno de Núñez Feijóo reforzou os recursos para as concentracións parcelarias; mellorou as comunicacións, e hoxe oito de cada dez ten ao seu carón unha vía de altas prestacións; e garantiu que a práctica totalidade teña acceso a banda longa.

A candidata popular, que incidiu na concentración parcelaria, subliñou que Galicia reforzará este ano os recursos para levar a cabo a concentración parcelaria das propiedades de case 30.000 familias, unha das prioridades da nova Lei de Mellora da Estrutura Agraria. “En catro anos, pecharemos todos os procesos de concentración parcelaria abertos en 132 zonas e que afectan a máis de 90.000 propietarios”, destacou Ánxeles Vázquez.

Do mesmo xeito, sinalou que o goberno de Núñez Feijóo traballará co sector no Plan de fortalecemento do sector lácteo e recordou o apoio ao proxecto de Goodleit, en Curtis, que se converterá na “maior empresa láctea ao procesar arredor de 430.000 toneladas de leite”.

Pola súa banda, o cabeza de lista por A Coruña destacou que hoxe o PPdeG pode presentar un balance “grazas ao esforzo de todos os galegos e galegas por mellorar a situación de Galicia”, ao que engadiu que “iso permítenos presentar un proxecto con propostas realistas nas que se ven reflectida Galicia”. O candidato popular animou aos asistentes a “non caer no conformismo e a seguir mirando cara adiante, para que Galicia continúe con normalidade e estabilidade a senda da recuperación”.

Diego Calvo aproveitou o encontro para destacar “a forte e decidida aposta do PPdeG polo mundo rural e as persoas que viven nel”. Engadiu que aínda queda moito por avanzar e por conquistar no rural: “Hai que seguir creando máis emprego, apoiando ás familias a que teñan fillos, a que aposten polo rural para vivir, incrementando os servizos públicos coa creación de máis escolas infantís, centros de día e residencia; avanzando na innovación e modernizando as instalacións”. “E para iso -engadiu- haberá cero impostos para calquera que queira emprender no rural, cero impostos para os mozos que queiran vivir no rural e 100 por cento de compromiso para impulsar o rural”.

Deja una Respuesta