REUNIÓN ÁNXELES VÁZQUEZ

Vázquez reitera o compromiso co sector lácteo e defende que o acordo será beneficioso

A conselleira de Medio Rural, Ánxeles Vázquez, reiterou hoxe o firme compromiso que a Xunta de Galicia mantén co sector lácteo, e defendeu que o Plan Estratéxico, asinado coa participación de todos os axentes da cadea de valor do leite en Galicia, servirá para propiciar unha mellor situación para os produtores.

A titular de Medio Rural, acompañada pola alcaldesa de Melide, Dalya Couso; mantivo unha reunión esta tarde cos integrantes da cooperativa de produtores de leite Melisanto. No encontro, organizado polo Partido Popular da provincia da Coruña, Vázquez asegurou que o Goberno Autonómico é consciente das dificultades que vive o sector e está a traballar “duro” para facer fronte a todos os seus problemas.

Para iso, a conselleira subliñou a “importancia” da posta en marcha dun Plan Estratéxico de Fortalecemento do sector, ao que animou a sumarse a todos os representantes dos produtores, industria e distribución.

Así mesmo, Vázquez puxo en valor o pago do anticipo da PAC –por importe de 65,3 millóns de euros- que beneficiará a máis de 26.000 gandeiros e agricultores de toda Galicia.

Compromiso do goberno central
Por outra banda, a conselleira de Medio Rural valorou de forma “moi positiva” o anuncio levado a cabo pola ministra de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, Isabel García Tejerina; e polo cal o Goberno Central comprométese a comezar co pago das axudas por vaca, por unha contía total de 20 millóns de euros.

“Todas estas axudas van propiciar unha mellor situación para os produtores de leite”, asegurou Vázquez, quen lanzou un aviso de que a Xunta seguirá “vixiante” sobre o cumprimento do acordo e reclamando “contundencia” ao goberno central con aqueles que o incumpran.

Por último, Vázquez recoñeceu que desde a Xunta son conscientes da baixada do consumo do leite, e afirmou que, por este motivo, o Goberno Autonómico seguirá impulsando medidas para a promoción do leite galego de calidade diferenciada ‘Galega 100%’ e a súa distribución nas escolas.

Deja una Respuesta