teo

AS CONCELLEIRAS DE URBANISMO E SEGURIDADE CIDADÁ COMPARECERÁN A PETICIÓN DO PP

As concelleiras de Seguridade Cidadá, Salomé Beiroa, de Anova; e de Urbanismo, Uxía Lemus, do PSOE, van ter que romper o silencio que manteñen sobre o caso Texexe tras aprobarse onte no pleno extraordinario a comparecencia de ambas as dúas, a petición do grupo popular. Hoxe cúmprense tres meses dende que se detectaran as presuntas infraccións urbanísticas en Calo e as responsables políticas de ambos os dous departamentos implicados no caso aínda non se pronunciaron públicamente.

O PP lamenta que non deran as obrigadas explicacións públicas por iniciativa propia e tivera que ser o grupo popular quen solicitara a súa comparecencia en exercicio de oposición responsable. José Manuel Guerra considera intolerable que non o fixeran motu propio durante todo este periodo e, especialmente, logo de facerse público o pasado sábado que a fiscalía abrira dilixencias para clarexar se a actuación do Concello se axustou a dereito.

O pleno celebrado na tarde de onte tiña como únicos puntos na orde do día a aprobación da solicitude de comparecencia das concelleiras Beiroa e Lemus, requerimento rexistrado por José Manuel Guerra o pasado 9 de febreiro. O voceiro popular cedeulle a palabra ao concelleiro Antonio Sánchez, que asegurou que "o terremoto de Texexe sube un grado máis na escala Sisto de oscurantismo cando se cumpren tres meses de silencio absoluto por parte das concelleiras responsables. Levan tres meses sen explicarse e soamente comparecen porque non lles queda máis remedio trala presión do Partido Popular".

Os populares lamentaron que ambas as dúas concelleiras non aproveitaran o pleno de onte para ofrecer á opinión pública unha información documentada, completa e crible baixo iniciativa propia e non baixo a esixencia do principal grupo da oposición. "Esta é a transparencia das Mareas", apostillou Sánchez.

A falta de transparencia do bipartito na xestión deste caso e a sucesión de incoherencias, contradiccións e oscurantismo das respostas ofrecidas no pasado pleno ordinario, levou ao grupo popular a adoptar esta iniciativa, por sentido da responsabilidade e ao obxecto de que se respecte o dereito da veciñanza a unha información veraz e con transparencia. En opinión de José Manuel Guerra, resulta decepcionante que este sexa o modelo de transparencia que abandeiraban PSOE e Anova no pleno de investidura porque, certamente, supón "moitos anos de regresión".

Deja una Respuesta