IMG_0529

“Atraso inadmisible” nas axudas para entidades deportivas de ámbito nacional e internacional

O portavoz do grupo provincial do Partido Popular na Deputación da Coruña, Agustín Hernández, cualificou de “inadmisible” o atraso acumulado na tramitación, aprobación e concesión das axudas a entidades e clubs deportivos de ámbito nacional e internacional.

Os populares denunciaron que, a data de hoxe, e despois de que a maioría dos clubs da provincia terminasen xa a súa tempada, a institución provincial segue sen dar a coñecer as bases xerais da convocatoria destas subvencións, que o ano pasado sumaron 393.873 euros.

“A estas alturas do ano non temos ningunha información de cando van tramitar unhas axudas que son fundamentais para a economía dos clubs”, subliñou Hernández, quen lembrou que o ano pasado as bases xerais aprobáronse en decembro do 2016 e as específicas en marzo do 2017.

Desde o Partido Popular fixeron fincapé en que este atraso está a provocar o “afogamento financeiro” dunhas entidades que, segundo Hernández, vense obrigadas a facer “auténticos malabares financeiros” para cadrar os números a final de tempada.

“Son clubs que se atopan con que non só non recibiron o diñeiro co que facer fronte aos gastos dunha campaña xa finalizada, senón que descoñecen cando e canto diñeiro van ter para o próximo exercicio”, dixo o popular.

Estafados, enganados y abandonados

Os populares, que denunciaron o constante atraso na concesión destas e doutras axudas, censuran a maneira de traballar dun goberno local ao que acusaron de “faltar ao respecto” a unhas entidades que “representan ao músculo deportivo da provincia”.

“Estamos cansos de boas palabras e das promesas do señor González Formoso. As entidades séntense enganadas, estafadas e, o que é peor, abandonas por parte do goberno da Deputación”, afirmou Hernández.

Convenios sen pagar

Por outra banda, o portavoz dos populares aproveitou a ocasión para referirse tamén ao feito de que a Deputación da Coruña aínda non fixese efectivo o pago dos convenios aos clubs (Liceo, Basket Coruña, Universidad de Ferrol, Futsal Santiago..) que compiten na máxima competición nacional.

Neste sentido, o popular lembrou que estas axudas foron aprobadas en pleno, pero agora os clubs están a ter moitas trabas á hora de xustificalas antes de que o executivo provincial realice o pago.

“Respectamos que hai que ser rigorosos á hora fiscalizar todo tipo de axudas, pero non entendemos por que hai agora problemas cando outros anos non os houbo”, dixo Hernández, quen cargou contra un executivo provincial ao que acusou de “facerse moitas fotos e de realizar moitos paseos polos municipios prometendo investimentos”, pero que “á hora da verdade, o seu mandato está marcado pola parálise, a lentitude e o abandono da provincia”.

 

Deja una Respuesta