Benestar analizará a posibilidade de ampliar a axuda a domicilio no concello de Boimorto

A concelleira do Partido Popular de Boimorto, María Jesús Novo, reuniuse nos últimos días coa conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, para abordar diferentes temas de interese para o concello, especialmente no área social.
Novo mostrou a súa preocupación pola atención ás persoas con dependencia e demandou un incremento na axuda a domicilio. A responsable de Benestar comprometeuse a estudar as posibilidades orzamentarias para ampliar o antes posible os servizos de proximidade neste concello.

Así mesmo, a conselleira lembrou que o departamento autonómico investiu 83.000 euros para o servizo de axuda no fogar (SAF) para dependencia en 2013 en Boimorto, unha cifra que prevé incrementar este ano.

Ademais, Mato informou á concelleira de que, ata o momento, dous beneficiarios da Renda de Inclusión Social de Galicia (RISGA) de Boimorto puideron xa acceder a un contrato laboral a través da nova orde de axudas posta en marcha pola Consellería de Traballo e Benestar este exercicio.

Os beneficiarios optan así a un contrato temporal, que durará 7 meses, e que será a tempo parcial, sempre por riba do 50 por cento da xornada laboral, e cunhas retribucións de acordo aos convenios colectivos correspondentes.

Estas axudas están dotadas cun total de 5 millóns de euros para toda Galicia, o que permite financiar o 100 por cento dos custos salariais destas contratacións, e poden ser solicitadas por concellos e agrupacións locais.

Os beneficiarios teñen que cumprir os seguintes requisitos: ser perceptor da RISGA, ter unha antigüidade mínima de seis meses, e estar inscritos no Servizo Público de Emprego de Galicia. Ademais, teñen preferencia os perceptores da RISGA que se teñan comprometido cun proxecto de inserción sociolaboral.

Compromiso cos veciños

Pola súa banda, María Jesús Novo recordou que Boimorte é un concello de interior, adicada a gandería e a agricultura. Neste sentido, afirmou que o municipio conta cunha poboación maiormente envellecida que demanda unhas atencións e uns servizos básicos.

"Vou facer todo o posible para atender ós meus veciños e veciñas, sobre todo a estes sectores da sociedade tan vulnerables", comentou Nobo, quen recordou que o concello hoxe en día conta cunha residencia e centro de día, pero que a maioría dos veciños e veciñas non fan uso destes servizos, polo tanto, "debemos buscar a maneira de telos atendidos"

Deja una Respuesta