FOTO REUNIÓN BETARIZ MATO

Boimorto solicita á Xunta a mellora da rede de sumidoiros en Viladoniga, Pedral e Outeiro

A alcaldesa do Concello de Boimorto, María Jesús Novo, mantivo hoxe unha reunión coa conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio da Xunta de Galicia, Beatriz Mato, na que a rexedora pediu a posta en marcha dun proxecto por parte da administración autonómica que permita levar a cabo a mellora da rede de sumidoiros nos lugares de Viladoniga, Pedral e Outerio.

Novo aproveitou o encontro para trasladarlle á titular Medio Ambiente e Ordenación do Territorio a “urxente necesidade” de realizar esta actuación nunhas zonas nas que, tal e como explicou, a rede de sumidoiros quedou “obsoleta” co paso dos anos.

“Estamos a falar de lugares que se atopan próximos ao núcleo centro do municipio e que necesitan esta mellora”, apuntou Novo, quen explicou que outras parroquias do Concello están máis afastadas do centro e hai anos que contan cunha rede de sumidoiros moito máis moderna e preparada.

A rexedora de Boimorto subliñou que trasladou esta demanda á conselleira despois de manter varias reunións cos veciños destes lugares, cos que se comprometeu a buscar unha solución aos problemas que xera no seu día a día a falta de rede de sumidoiros.

Pola súa banda, Beatriz Mato recolleu as peticións da alcaldesa de Boirmorto e puxo sobre a mesa o compromiso da Xunta de Galicia para estudar as posibilidades de levar a cabo o proxecto o máis axiña posible.

Deja una Respuesta