IMG_4298

CA incumpre por cuarto mes consecutivo o período medio de pago

O Grupo Municipal Popular denuncia o incumprimento, unha vez máis, das obrigas do goberno de Compostela Aberta cos provedores. Neste senso, informa de que o período medio de pago do mes de outubro
-último dato publicado polo Ministerio de Facenda- sitúase nos 42,42 días. Os populares cualifican ao Goberno local de “mal pagador” e do “campión dos incumprimentos”, xa que leva catro meses consecutivos incumprindo este prazo -desde a súa chegada a Raxoi, Compostela Aberta incumpriu nove meses o período medio de pago-, un feito que se dá por primeira vez desde a implantación no 2014 deste novo sistema de control de pago a provedores.

Desde que Compostela Aberta chegou ao goberno, o período medio de pago non deixou de crecer. Isto vese reflectido no incremento do 171% con respecto ao mes de xuño de 2015, o actual Goberno local case triplicou o período medio de pago. Esta “evolución negativa” pon de manifesto unha vez máis a desidia do actual equipo de goberno por asumir a súas responsabilidades e xestionar con rigor a facenda municipal. Os populares recordan que foi durante o mandato do Partido Popular cando, grazas á súa boa xestión, logrouse, non só a pagar facturas por un importe total de 12 millóns de euros que o bipartito municipal deixara sen pagar, senón tamén converter ao concello de Santiago nun referente no pago a provedores, rebaixando o tempo de espera de máis de 100 días -cifra acadada no 2011- a 16 días -en xuño de 2015-; cuestión que Compostela Aberta destrozou en apenas uns meses.

Nesta mesma liña, o grupo popular salienta que outro signo da paralización da xestión é que este goberno, ademais de que non só non paga en tempo e forma, son os 8,75 millóns de euros en facturas pendentes de abonar.

Deja una Respuesta