20160920 Fotografía Sánchez-Brunete

"CA comeza a encher a súa mochila de sentenzas polas súas decisións políticas e arbitrarias”

O concelleiro do Grupo Municipal Popular, Alejandro Sánchez-Brunete, valorou, esta mañá, a sentenza do Xulgado do Contencioso que vén de anular o acordo de adhesión do Concello de Santiago á campaña de boicot a Israel: “Compostela Aberta comeza a encher a súa mochila de sentenzas polas súas decisións políticas e arbitrarias”.

Tal e como explicou Sánchez-Brunete, “a sentenza é clara”, xa que se basea nunha falta de competencia -advirte de que o concello non pode arrogarse en competencias que lle son alleas e que non se comprende como este acordo podía mellorar a eficiencia da xestión pública ou satisfacer a necesidade e aspiracións dos veciños de Santiago-; e, ao tratar a lexitimación do recurrente, enmárcase nun contexto dunha posible ofensa a un grupo étnico ou social.

Tal e como recordou o edil popular, este “acordo nocivo” para Santiago foi adoptado no pleno de novembro de 2015 a iniciativa de Compostela Aberta e cos votos a favor dos grupos socialista e nacionalista. Posteriormente, unha asociación que ten por fin promover as relacións de amizade entre España e Israel presentou un recurso solicitando a anulación do acordo. A fin de reconducir a situación, no mes de xullo de 2016, o grupo popular trasladou unha iniciativa ao pleno municipal para que se deixase sen efecto aquel acordo: “Advertímoslle ao goberno que era un acordo prexudicial para a nosa cidade”. “De aprobarse a nosa moción -engadiu-, normalizaríase a imaxe entre Santiago e Israel e teríase evitado probablemente esta sentenza, que volverá a empanar a imaxe da cidade”.

Sánchez-Brunete recordou as consecuencias prexudiciais que tivo aquel acordo para Santiago: “Froito daquel boicot quedaron reducidas a cero as posibilidades dunha interesante conexión internacional”. Os traballos preparatorios para establecer unha conexión aérea entre Santiago e Tel Avi viñéronse abaixo, tal e como confirmou o propio director da compañía ELAL para Hispanoamérica: “Ese voo perdeuse no ‘Triángulo das Bermudas’ dos prexuízos, do sectarismo e da irresponsabilidade de Compostela Aberta, secundada polo PSdeG e o BNG”. “Era unha conexión interesante -engadiu o edil- desde o punto de vista turístico, do emprendemento e da imaxe de marca internacional do noso aeroporto”. Do mesmo xeito, salientou “o ridículo dobre xogo” do grupo socialista que, tras votar a favor do boicot en contra de Israel, presentou un escrito no que advirten de que pode ser constitutivo de delito. “O mesmo que vota a favor, logo recoñece que pode ter consecuencias penais”, salienta Sánchez-Brunete.

“A sentenza debería servir para que o alcalde se centrase nos asuntos municipais”, sentenciou Sánchez-Brunete, que agarda que o concello non recorra a sentenza e que non se obstine, polo tanto, na xudeofobia. Para finalizar, o edil popular lembrou que a postura do Partido Popular é conciliadora: un Israel seguro e unha Palestina viable.

Deja una Respuesta