IMG_0196

CA segue sen dar explicacións sobre a factura da auga coa nova depuradora

O voceiro do Grupo Municipal Popular, Agustín Hernández, manifestou hoxe que o Goberno de Compostela Aberta segue escondido tras unha “suposta solución” para a construción da nova depuradora para Santiago. O responsable municipal Popular insistiu en que Martiño Noriega segue sen explicarlle aos santiagueses cánto lles subirá a factura da auga cando se perdan os fondos europeos destinados á execución desta infraestruturas.

Agustín Hernández concretou que a inacción de Martiño Noriega suporá un custe a cada compostelán de 1.500 euros, polo que o alcalde debería ser moito máis responsable á hora de tomar decisións que van ter que pagar todos.

Hernández explicou que, na reunión de onte, entre o Ministerio de Medio Ambiente e o Concello quedou ben claro que, no caso de levar a depuradora á Silvouta, os orzamentos europeos corren serio perigo.

Para Agustín Hernández, o rexidor compostelán segue usando como escudo á Universidade de Santiago de Compostela, cando os propios técnicos lle aseguraron na reunión da Comisión Municipal de Medio Ambiente que a solución proposta polo Goberno de Compostela Aberta nin era a única, nin se podería dicir que a mellor.

O alcalde parece querer sacar a súa repentina proposta “custe o que custe”, desoíndo aos técnicos, para elo segue usando exemplos de infraestruturas hidráulicas que nada teñen que ver coa instalación que necesita a capital de Galicia, o que demostra, unha vez máis que, para Martiño Noriega, a depuradora de Santiago non é prioritaria.

Agustín Hernández reiterou que a única alternativa viable para que Santiago teña depuradora e se poidan aplicar os fondos Europeos, é a construción da instalación no Souto, optimizándose o deseño para diminuír impactos pola construción e tamén en fase de explotación.

Para Hernández, a solución do Goberno de Martiño Noriega non é máis que unha nova mostra da “falta de interese e implicación” que ten o Executivo municipal en materias esenciais para o bo funcionamento da capital de Galicia e que, neste caso, suporá que Santiago seguirá sen depuración outros dez anos ou máis.

Lembrou que “o Goberno de Compostela Aberta estivo negociando como única resposta para a construción da nova depuradora o lugar do Souto ata xaneiro deste mesmo ano e agora sacan da gorra unha solución a todas luces incompleta e ineficaz”.

Deja una Respuesta