ROLO

Cabanas executa as obras de pavimentación do Camiño do Cadaval e da Travesía do Rolo

O Concello de Cabanas está a executar os traballos de pavimentación do Camiño do Cadaval e da Travesía do Rolo. Dúas vías importantes na rede viaria municipal porque dan acceso a varios núcleos de poboación e, no caso da Travesía do Rolo, tamén facilita a comunicación do colexio público Eladia Mariño. Ambas intervencións, explicou o alcalde, Germán Castrillón, contan cun orzamento de 42.200 euros e fináncianse ó abeiro do Plan de Aforro e Investimento da Deputación, que daba o visto bo ó proxecto presentado polo Concello de Cabanas. Segundo estimacións municipais, concluirán este mesmo mes.

As actuacións pretenden frear o avanzado estado de deterioro das vías, derivado do paso do tempo e tránsito que soportan. No Camiño do Cadaval actúase sobre unha lonxitude cercana ós 300 metros. Parte da N-651 e dá acceso directo ás vivendas ubicadas no núcleo que leva o seu nome. Pola súa banda, a Travesía do Rolo, próxima á DP-1502 e duns cen metros de lonxitude, conecta o Camiño da Escola co do Rolo e, xunto a estes viais, proporciona o acceso máis directo dende a estrada da rede provincial ás vivendas ubicadas nos núcleos de Barreiro, As Murgas e A Fadeiroa, ademáis de apoiar a comunicación do colexio público Eladia Mariño.

Os traballos de pavimentación que se levan a cabo contemplan tamén a limpeza de cunetas e pasos salvacunetas, rebacheos e, no caso do Camiño do Cadaval, o retranqueo dos postes do alumeado público e telefonía ubicados no vial. Na Travesía do Rolo tamén se procederá á construción de sumidoiros e construción de beirarrúas de formigón.

Deja una Respuesta