FOTO COMARCAL NEDA

Calvo anima a prepararse mellor que nunca, porque Ferrolterra queren votar ao PP

O presidente do Partido Popular da provincia da Coruña, Diego Calvo, fixo fincapé na importancia de que a súa formación se prepare “mellor que nunca” para afrontar as eleccións municipais do 2019, convencido de que a comarca de Ferrolterra quere votar ao Partido Popular.

Ante máis de medio centenar de militantes e simpatizantes dos municipios de Neda, Cabanas, Pontedeume, Miño, Mugardos, Ares y A Capela, e acompañado polo conselleiro de Política Social, José Manuel Rey, polo secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, e polo vicesecretario xeral de Organización e Territorial, Evaristo Ben, Calvo defendeu que as autonómicas do pasado mes de setembro puxeron de manifesto que “os veciños desta comarca queren votar ao Partido Popular”, e subliñou que está “nas nosas mans convencelos de que somos a mellor opción para gobernar nos seus municipios e trasladar o modelo de xestión da Xunta de Galicia a cada concello”.

Para alcanzar este obxectivo, o presidente popular reiterou a importancia de que a súa formación prepare equipos “unidos e actualizados” e afirmou que “só o traballo colectivo será sinónimo de bos resultados na próxima cita coas urnas”.

Sumar para gañar
Por este motivo, Calvo incidiu na “importancia” de abrir as portas do partido “a todos os que queiran achegar algo”, sen que iso derive na marcha dos que están a traballar agora, e subliñou que a súa formación é
“case imparable” cando todos os seus integrantes traballan unidos e na procura dun mesmo obxectivo.

“O pasado mes de setembro demostramos do que somos capaces no Partido Popular cando nos fixamos un obxectivo e nos remangamos para traballar duro”, dixo Calvo, quen subliñou que, lonxe de reducir o nivel de implicación e mobilización, os populares teñen que incrementalo na cita coas urnas que terá lugar no 2019.

Ademais, o popular recalcou que sería “imperdoable e incompresible” que, despois dos tres procesos electorais vividos no último ano, os populares abandonasen a rúa e aos veciños.

O presidente provincial recordou tamén que “as eleccións as gañan os equipos. Entendemos a mensaxe que nos deron os nosos votantes no ano 2015, que nos pediron un partido máis pegado á rúa e máis pendente dos seus problemas”, afirmou.

Romaría popular
No encontro, enmarcado dentro dunha rolda de vinte reunións comarcais que a súa formación está a celebrar ao longo da provincia, Calvo aproveitou para facer un resumo do seu primeiro ano á fronte da dirección provincial, un período no que lembrou que xa se nomearon 13 xestoras locais en diferentes concellos e que se convocaron nove congresos para actualizar os equipos de traballo.

Un proceso que, segundo Calvo, debe servir para que a súa formación poida “saír a gañar as eleccións en todos os municipios da provincia”, un obxectivo para o que a dirección popular traballa coa mente posta en nomear aos 93 candidatos “con tempo suficiente para que poidan traballar, para que os coñezan e para facer bos equipos”.

Por último, o presidente provincial aproveitou a cita para convidar aos integrantes da familia do Partido Popular da provincia da Coruña á romaría popular que terá lugar o 3 de xuño no municipio de O Pino.

“Queremos que sexa un día de festa e que sirva para coñecernos máis e mellor todos os que integramos a familia popular”, dixo Calvo, quen confirmou que esta cita se repetirá durante os próximos anos en diferentes puntos da provincia coruñesa.

Deja una Respuesta