FOTO PRESENTACIÓN CAMPAÑA (8-9-2016)

Calvo anuncia unha campaña “próxima, en positivo” e con máis de 300 actos na provincia

O presidente provincial do Partido Popular e cabeza de lista na provincia da Coruña para as eleccións autonómicas do 25-S, Diego Calvo, anunciou hoxe que a súa formación arrincará esta noite unha campaña “intensa, próxima e en positivo”, coa que os populares pretenden chegar ao maior número de persoas nos 93 concellos que conforman a provincia.

En rolda de prensa, e acompañado polos tamén candidatos, Martín Fernández Prado, Gonzalo Trenor e Noelia Gil, e pola portavoz municipal no concello herculino, Rosa Galego, Calvo apuntou que os populares van percorrer todas as comarcas co obxectivo de explicar o que “fixemos ata agora e o que queremos facer nos próximos 4 anos”.

“Temos previstos máis de 300 actos ao longo de toda a provincia”, indicou o cabeza de lista, quen asegurou que os populares aproveitarán cada unha destas citas para facer balance dun traballo do que, na súa opinión, poden “sentirse orgullosos por como o fixemos e nas circunstancias económicas que o fixemos”.
Dúas opcións políticas

Así mesmo, Calvo confirmou tamén que outro dos obxectivos da campaña será explicarlle aos cidadáns que o próximo 25-S terán que elixir entre dúas opcións: “a estabilidade de Feijóo ou o caos e as leas dun tripartito nacionalista e máis sectario que nunca”.

Neste sentido, o popular fixo fincapé en que, fronte á creación de emprego, a confianza, o crecemento e a mellora dos servizos sociais que, ao seu xuízo, representa o PPdeG, están “os enfrontamentos, a inestabilidade e o desgoberno que ten o seu mellor exemplo nos gobernos municipais de Coruña, Ferrol e Santiago”.

Ademais, O cabeza de lista advertiu sobre o feito de que en Galicia non ocorrerá como España e non haberá unhas segundas eleccións. “Se o PPdeG non saca a maioría, haberá un goberno no que non serán capaces de poñerse de acordo nin eles”.

Campaña na cidade
Pola súa banda, Rosa Galego tamén aproveitou para avanzar as liñas xerais do que será a campaña dos populares na cidade da Coruña. Unha campaña que cualificou de “intensa, ambiciosa e a pé de rúa”, e na que a súa formación levará a cabo case un centenar de actos cos que “pretendemos estar preto da xente, coñecer os seus problemas e escoitar as súas propostas”, dixo.

Para conseguilo, a portavoz anunciou a novidade da celebración dunha serie de encontros veciñais en espazos públicos nos que os veciños poderán dialogar cos candidatos e os concelleiros.

“É certo que o goberno da Marea trata de excluírnos, de apartarnos da xente, pero non o conseguirán. Somos o partido máis votado e estaremos onde temos que estar, á beira dos veciños”, dixo Galego.

Por último, a portavoz insistiu na idea de que Galicia non se merece un goberno tan “catastrófico” como o que está a padecer a cidade da Coruña onde, na súa opinión, a “parálise” apoderouse de toda a xestión municipal.

Deja una Respuesta