IMG_1177 (1)

Calvo arremete contra a negativa da Marea de facilitar o transporte dos veciños da comarca

O presidente do Partido Popular da provincia da Coruña, Diego Calvo, aproveitou a xunta directiva que os populares celebraron esta tarde para criticar duramente os dous anos de goberno das Mareas e denunciar a "negativa permanente" na Coruña a facilitar o transporte na área metropolitana. "Cando se opoñen a que os buses poidan chegar ao centro da cidade estánse opoñendo a mellorar a calidade de vida de moitas persoas", denunciou Calvo, que confirmou que esta actitude non pode sorprender a ninguén porque "estamos falando dun goberno sectario e corto de miras" que non pensa máis que a corto prazo e que vai "capeando os problemas máis mal que ben" cando xa apenas teñen solución.

"Os cidadáns queren menos problemas e máis propostas. Nós estamos a esperar a que aporten algunha idea para o transporte metropolitano,estamos cansos de follas en blanco, a Xunta ten un claro que pasa por modernizar e reorganizar o transporte e é o señor Ferreiro o que se opón a iso", dixo Calvo

Así mesmo, o presidente popular fixo balance dos dous anos que os goberno locais cumpren á fronte das súas respectivas corporacións, tempo suficiente para que, segundo explicou, reflíctase a “incapacidade de xestión” das mareas nas tres grandes cidades da provincia.

"Son comportamentos cortados polo mesmo patrón. A única conclusión que podemos sacar na Coruña, Santiago e Ferrol é que os seus alcaldes falan moito, prometen aínda máis, pero, á hora da verdade, fan pouco e, o que é peor, non son capaces de dialogar, nin de poñerse de acordo con ninguén”, asegurou Calvo.

O popular referiuse tamén á “incapacidade” do goberno de Ferrol para sacar adiante o orzamento municipal, ou a polémica levantada por Compostela Aberta con todo o asunto da remunicipalización dos servizos.

“É importante que a xente se dea conta de que os gobernos do cambio o único que conseguiron é cambiar as cidades a peor, pero aínda é moito máis importante que lles demostremos que nós somos capaces de facer as cousas moito mellor”, incidiu Calvo.

Balance das reunións comarcais
Ademais, Calvo fixo balance da rolda de encontros que se mantiveron desde a directiva provincial nos dous últimos meses, e que lles levou a reunirse con máis de 1.500 militantes e simpatizantes da súa formación nas 20 citas programadas aos longo de toda a provincia.

Calvo explicou que este tipo de encontros son “fundamentais” para non perder o “pulso” do que sucede nos 93 concellos da provincia e estar en permanente contacto coa xente para coñecer, de primeira man, cales son os seus problemas e as súas inquietudes.

“Temos claro que para manter activo o partido hai que estar co partido. Non vale de nada que digamos que a xente ten que traballar a nivel local, si logo, desde a dirección do partido non nos preocupamos polo que necesitan”, dixo Calvo, quen subliñou que a súa formación prometeu estar preto dos militantes e dos afiliados e “así estamos a facer”.

Ademais, o presidente provincial asegurou que estas reunións serviron para comprobar que os populares continúan “activos, motivados e con ganas” de afrontar o reto das municipais do 2019 nas que, segundo Calvo, a súa formación sairá a “gañar en todos os concellos”.

“Vimos dun ano duro, dun ano con tres procesos electorais, e lonxe de baixar o nivel de mobilización, debemos, non só mantelo, senón que debemos incrementalo e, polo que comprobamos, a xente ten ganas de facelo”, subliñou Calvo.

Neste sentido, o popular incidiu na idea de que, lonxe de cansarse, a familia dos populares é capaz de “traballar como unha máquina case infalible” cando se lles ten en conta e cando se lles fai partícipe do día a día do partido.

Preparando os equipos
Por outra banda, Calvo aproveitou a xunta directiva para recalcar a “necesidade” de seguir adiante co proceso de actualización e de preparación de equipos que está a levar a cabo a súa formación.

“Nestas reunións insistimos moito nesta idea. Creemos que é fundamental ampliar e dar cabida ao maior número de persoas nos equipos. Hai que seguir abrindo o partido a todos os que queiran sumar ideas e achegar cousas”, dixo o popular, quen asegurou que ese debe ser o punto de partida para, máis adiante, empezar a nomear candidatos e empezar traballar con tempo suficiente.

Sobre este asunto, o presidente provincial anunciou que o seu partido continuará coa celebración de congresos locais ao longo da provincia, e avanzou que, nos próximos meses, volverán poñer en marcha unha nova rolda de reunións comarcais.

“Estamos a dous anos das municipais. Pode parecer moito tempo, pero pasa máis rápido do que creemos”, afirmou Calvo, quen apuntou que a súa formación ten por diante 24 meses para convencer aos veciños da provincia de que “somos a mellor opción para gobernar os seus municipios”.

Congreso de Vedra
Por último, a xunta directiva provincial confirmou que o Partido Popular de Vedra celebrará o seu congreso local o próximo 26 de xuño no Pazo de Vista Alegre a partir das 20 horas.

A presentación de candidatos perante a Comisión Organizadora será en 10 días desde a convocatoria do congreso, finalizando o prazo o sábado 3 de xuño ás 14 horas.

CONGRESO VEDRA
VEDRA (1)

Deja una Respuesta