997be255-b528-4a6c-be55-c6da6b1f7267

Calvo aspira a ser o partido con máis respaldo da Costa da Morte

O presidente do Partido Popular na provincia da Coruña, Diego Calvo, deu a coñecer hoxe que Mauricio Aufiero, Gema Freire, José Traba, Sandra Vilela, David Gómez, Raquel Rodríguez, Antonio Domínguez e Tino González serán os candidatos para as municipais do 2019 nos concellos de Camariñas, Corcubión, Fisterra, Muxía, Zas, Vimianzo, Cee e Carnota.

Nun acto celebrado esta tarde en Corcubión, e acompañado polo vicesecretario xeral de Organización e Territorio e director de campaña para as municipais, Evaristo Ben, Calvo mostrouse “convencido” de que a súa formación será a que “máis respaldo logre na Costa da Morte”, e augurou que “subiremos en moitos municipios e gobernaremos en sitios onde agora non o facemos”.

Despois do resultado colleitado nos últimos comicios locais, o presidente provincial incidiu en que a súa formación aceptou o que determinaron as urnas e, desde entón, púxose a traballar para agora poder presentar con tempo suficiente aos cabeza de lista.

No caso da comarca da Costa da Morte, Calvo explicou en que os populares “tomaron nota dos erros cometidos no pasado” para “correxilos” e recuperar o peso político perdido nas anteriores municipais.

“Estamos a falar dunha comarca moi importante para nós, na que nos xogamos moito, e na que debemos dar un paso adiante para recuperar o apoio duns veciños que no seu día confiaron en nós e que queremos que o volvan a facer”, dixo o popular.

Así mesmo, o líder do PP na provincia, que destacou o labor realizado polos populares desde a oposición, subliñou en que os candidatos da súa formación coñecen ben cal é a situación de cada un dos seus concellos, e fixo fincapé en que todos eles saben que “non valen fórmulas máxicas como as de Pedro Sánchez para gobernar, que o único que funciona en política é falar e estar preto dos veciños”.

A Xunta como exemplo

Neste sentido, Calvo puxo como exemplo do que queren os veciños da Costa da Morte o traballo realizado polo goberno da Xunta comandado por Alberto Núñéz Feijoo. “En Galicia non perdemos o tempo con temas de identidade e pactando con independentistas, sabemos que somos galegos. Tampouco perdemos o tempo con políticas de xestos baleiros e de cara á galería, aquí somos máis de facer, de avanzar con feitos concretos”, dixo.

 

Ademais, Calvo fixo fincapé na “paralísis” e o “desgoberno” que reina nos executivos locais da comarca, e detívose en municipios como o de Cee onde, na súa opinión, os veciños padecen as consecuencias dun alcalde que “hai moito tempo que non ten nada que achegar”, ou en Fisterra onde cargou contra o que cualificou de “experimento errado” o labor do rexedor nesta lexislatura.

Ademais, o popular defendeu que noutros lugares como Vimianzo, Zas, Camariñas e Muxía a súa formación ten unha “boa oportunidade” de terminar co mandato de rexedores que “gobernan de costas aos veciños” e que o único que xeran son “problemas en lugar de achegar solucións”.

 

Gobernar, unha gran responsabilidade

Nesta mesma liña, o presidente provincial subliñou que para a súa formación gobernar é “unha gran responsabilidade” e censurou a aqueles partidos que apostan pola márketing e o aplauso fácil. “Si os veciños queren algo así para os seus concellos que non miren para aquí porque non o van a atopar”, dixo Calvo, quen incidiu en que os populares entenden a política como unha maneira de “traballar para mellorar a vida da nosa xente”, fronte aos “experimentos nocivos das Mareas de Podemos”.

 

Orgulloso de contar nas súas filas cos “mellores candidatos”, Calvo apelou á “unidade”, á “ilusión” e ao “traballo realizado durante todos estes anos” como aval para presentarse diante dos veciños e “convencelos de que somos a única alternativa fiable para que os seus municipios teñan un  goberno estable”.

“No Partido Popular gústannos os retos e afrontámolos convencidos de que imos gañar”, dixo o popular, quen animou a todos a conformar “os mellores equipos” para que o futuro da comarca da Costa da Morte esté en “boas mans”.

 

Deja una Respuesta