IMG_1081

Calvo destaca a importancia da unidade e a cohesión para ter un partido forte

O presidente do Partido Popular na provincia da Coruña, Diego Calvo, participou hoxe nun acto do homenaxe aos concelleiros populares en Bergondo. Durante o acto, no que se destacou o traballo realizado durante os 40 anos de democracia neste municipio, foron recoñecidos e recordados uns 30 concelleiros que, nalgún momento, formaron parte da corporación municipal.

 

Durante a súa intervención, e acompañado polo candidato á alcaldía deste municipio, Manuel Fafián Torreiro, Calvo destacou a importancia da unidade e a cohesión “de todos os que formamos parte do Partido Popular”, e engadiu que “Bergondo é un bo exemplo desa integración da que sempre queremos e debemos botar man porque xuntos somos máis fortes e iso é o que nos demandan os veciños”.

 

Referiuse tamén Diego Calvo ás próximas citas electorais como que “as máis importantes”da historia democrática de España e asegurou que “nos próximos meses teremos a oportunidade de dicirlle dúas veces a Sánchez que non queremos as políticas que tanto dano lle fixeron a este país en tan pouco tempo”.

 

Calvo aproveitou para deixar claro que a única alternativa para evitar outro goberno “nocivo”, similar ao que no seu día representou José Luis Rodríguez Zapatero, é votar ao PP. “Se non queremos que se repita a historia temos que ser moi conscientes de que o único voto que vale para botar a Sánchez é o do PP”, incidiu.

 

En xogo dous modelos

O líder dos populares na provincia aproveitou tamén para subliñar que na próxima cita electoral estará en xogo que España conte cun modelo similar ao de Feijoo –estabilidade, xestión, responsabilidade e traballo- ou un modelo como o de Sánchez –radicalizado con Podemos, Independentistas, nacionalistas e Bildu-.

 

“Aos galegos, á xente da provincia e aos veciños de Bergondo interésanos que Pablo Casado sexa o presidente do Goberno”,indicou Calvo, quen lembrou que Sánchez presentou unhas contas que contaban cun 30% menos de fondos para Galicia e un 60% máis para Cataluña.

 

Compromiso e fidelidade

Por último, o popular asegurou que os concelleiros homenaxeados representan como ninguén valores como o “compromiso, a lealdade e a fidelidade” que, asegurou, caracterizan á xente do Partido Popular.

 

“Grazas por tantos anos de traballo e por axudarnos a demostrar que este partido é único e diferente”, dixo Calvo a todos os concelleiros presentes na homenaxe, e concluíu a súa intervención apelando á importancia de“sumar para gañar”as próximas eleccións municipais no concello de Bergondo

 

 

 

Deja una Respuesta