COMARCAL AMES (21-03-2017)

Calvo fai un chamamento á unidade para recuperar a confianza dos votantes no 2019

O presidente provincial do Partido Popular da Coruña, Diego Calvo, acompañado do vicesecretario xeral de Organización e Territorial, Evaristo Ben, acudiron o pasado luns a un encontro con afiliados, militantes e simpatizantes do partido dos concellos de Ames, Santiago, Teo e Brión.

Á cita, enmarcada dentro dunha rolda de vinte reunións comarcais ao longo da provincia, asistiron preto dun centenar de persoas e serviu, entre outras cuestións, para facer balance do primeiro ano de traballo da actual directiva. Así, Diego Calvo lembrou que xa se nomearon 13 xestoras locais en diferentes concellos e que xa están convocados nove congresos para actualizar os equipos de traballo.

“Ata agora facíamos reunións comarcais por partidos xudiciais, pero agora queremos achegarnos máis ao terreo e temos dividida a provincia en 20 microcomarcas para poder atender de forma máis concreta os problemas dos concellos da provincia”, explicou Ben.

Sitio para todos
Do mesmo xeito, Calvo apelou á unidade de todas as persoas que forman parte do Partido Popular como clave para recuperar a confianza dos votantes de cara ás eleccións municipais do ano 2019.

“Aquí hai sitio para todos; é o momento de sumar, de abrir as portas a todo o que teña algo que achegar, porque sabemos que, unidos, somos máis fortes”, sinalou o titular provincial, que tamén confirmou a súa intención de presentar aos candidatos ás alcaldías dos 93 concellos con tempo máis que suficiente para poder traballar.

Neste sentido, o presidente provincial insistiu na importancia de “traballar en equipo” para “sumar e non restar” de cara ás próximas eleccións municipais. “As eleccións as ganan os equipos. Entendemos a mensaxe que nos deron os nosos votantes no ano 2015, que nos pediron un partido máis pegado á rúa e máis pendente dos seus problemas”, afirmou.

No caso concreto dos concellos representados no encontro, tanto Calvo como Ben coincidiron en salientar que “estamos en condicións de poder gobernar en Ames, Teo, Santiago e Brión”, e animaron a todos os presentes a “seguir facendo partido, percorrendo todos as parroquias e empaparse das necesidades dos veciños”.

Á reunión asistiron tamén o delegado territorial da Xunta, Ovidio Rodeiro; a conselleira Rosa Quintana; o portavoz do PPdeG no Parlamento, Pedro Puy; a deputada nacional Marta González; así como portavoces municipais dos concellos.

Deja una Respuesta