FOTO COMARCAL BETANZOS

Calvo fixa a folla de ruta para lograr as alcaldías da comarca de Betanzos

O presidente do Partido Popular na provincia da Coruña, Diego Calvo, aproveitou a reunión mantida hoxe cos alcaldes e portavoces populares no Partido Xudicial de Betanzos para establecer unha “folla de ruta” que permita á súa formación afrontar as eleccións municipais do ano 2019 con “garantías” e co obxectivo de “alcanzar as alcaldías en todos os concellos da comarca”.
Acompañado polo vicesecretario xeral de Organización e Territorio, Evaristo Ben, o líder dos populares na provincia asegurou que, “mentres outros están centrados en tratar de resolver os seus problemas internos”, o seu partido leva xa moito tempo traballando coa mente posta nos próximos comicios electorais.
“Iniciamos un curso político no que o traballo que fagamos que será fundamental para o resultado que logremos na próxima cita coas urnas”, indicou Calvo, quen fixo fincapé na “importancia” e na “necesidade” de convencer a todos os veciños de que “somos a única alternativa para que os concellos teñan un goberno serio, solvente e eficaz”.
Neste sentido, o presidente provincial, que se mostrou “convencido” de que serán capaces de recuperar o goberno da Deputación da Coruña e o das tres grandes cidades da provincia –A Coruña, Santiago de Compostela e Ferrol- incidiu, ademais, en que a súa formación ten por diante un “duro ano de traballo” no que a dirección provincial dará a coñecer aos 93 candidatos cos que os populares “sairán a por todas” na totalidade dos concellos da provincia.
“Quédannos menos de dous anos para seguir escoitando aos veciños, para estar a pé de rúa e, ademais, para que, unha vez se formen os equipos, empecemos a dar a coñecer o noso proxecto a todos os veciños”, apuntou Calvo.
Sobre este asunto, o presidente provincial recalcou que a súa formación debe “esforzarse máis que nunca” para conseguir “maiorías suficientes” en todos os concellos que impidan que unha “unión de perdedores” lles aparte por un “puñado de votos” das alcaldías.

Exemplos de bo goberno
O presidente provincial aproveitou a súa presenza na Comarca de Betanzos para asegurar que o seu partido fíxase un reto de cara ao 2019: “facer pleno nos municipios. Estou seguro, e así vai ser, de que podemos alcanzar a alcaldía en todos os concellos desta zona”, afirmou.

Sobre esta cuestión, Calvo non dubidou en destacar que os populares teñen nesta comarca “bos exemplos” do que son os alcaldes que poñen os intereses veciñais por encima de calquera outro, e de grandes portavoces que “fan unha oposición construtiva cando toca e crítica cando é necesaria”.
Por último, o popular insistiu en “non baixar os brazos” e en manter activo ao partido como “único camiño posible” para poder chegar a todos e cada un dos veciños. “De nada serve o que fixemos ata a data si agora non incrementamos o noso compromiso, a nosa proximidade coa xente e o noso afán por tentar solucionar os problemas que existen en cada municipio”, concluíu Calvo.

Deja una Respuesta