FOTO COMARCAL LAXE

"Lograremos o obxectivo nas municipais se traballamos unidos e preparamos o partido mellor que nunca"

O presidente do Partido Popular da provincia da Coruña, Diego Calvo, asegurou nunha reunión mantida con máis de medio centenar de afiliados e de simpatizantes en Laxe que a súa formación conseguirá bos resultados nas próximas eleccións municipais do 2019 se "traballamos unidos e preparamos o partido mellor que nunca".

Acompañado polo vicesecretario xeral de Organización e Territorial, Evaristo Ben, Calvo fixou como obxectivo para a próxima cita electoral recuperar o terreo perdido no 2015 e volver gobernar na Deputación da Coruña e nas tres cidades da provincia.

Neste sentido, o presidente popular fixo fincapé en que a súa formación ten que “saír a gañar as eleccións en todos os municipios da provincia”, un obxectivo para o que a dirección popular traballa coa mente posta en nomear aos 93 candidatos “con tempo suficiente para poder traballar, para que os coñezan e para facer bos equipos”.

"Os resultados das eleccións autonómicas falan de que a Costa da Morte quere votar ao Partido Popular, así que temos que convencer aos veciños de que somos a única alternativa para que os seus concellos sigan a camiño de crecemento e de benestar que ten Galicia", dixo Calvo.

Un ano na presidencia
No encontro, enmarcado dentro dunha rolda de vinte reunións comarcais que a súa formación está a celebrar ao longo da provincia, Calvo aproveitou para facer un resumo do seu primeiro ano á fronte da dirección provincial, un período no que lembrou que xa se nomearon 13 xestoras locais en diferentes concellos e que se convocaron nove congresos para actualizar os equipos de traballo.

O presidente provincial recordou que “as eleccións as gañan os equipos. Entendemos a mensaxe que nos deron os nosos votantes no ano 2015, que nos pediron un partido máis pegado á rúa e máis pendente dos seus problemas”, afirmou.

Por este motivo, Calvo incidiu na “importancia” de abrir as portas do partido “a todos os que queiran achegar algo”, sen que iso derive na marcha dos que están a traballar agora. Ademais, o popular recalcou que sería “imperdoable e incompresible” que, despois dos tres procesos electorais vividos no último ano, os populares abandonasen a rúa e aos veciños.

“Estamos nun momento moi importante, no que temos que seguir baixando á rúa, falando cos nosos veciños e facéndolles saber que estamos aí non só para pedirlles o voto cando o necesitamos”, afirmou Calvo, quen insistiu en que “cando deixamos a rúa, a xente castíganos”.

Deja una Respuesta