foto romeria

Calvo, “orgulloso” dun partido “grande e unido”, ao que “ninguen lle gaña en forza”

O presidente do Partido Popular da provincia da Coruña, Diego Calvo, mostrouse “orgulloso”hoxe de pertencer ao que definiu como un partido “grande e unido”,  composto por “moita xente loitadora”e ao que “ningunha outra formación pode gañar en ilusión e forza”.

Diante das máis de 4.000 persoas que se deron cita na II Romaría Popular, procedentes de todos os municipios da provincia, e acompañado polo presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, Calvo asegurou que os alí presentes son o “mellor exemplo do verdadeiro significado do Partido Popular”

“Vós sodes o músculo deste partido, xuntos fomos capaces de darlle solución a moitos problemas durante estes anos e seremos quen de facelo tamén agora e no futuro. Somos nós, a gran familia do Partido Popular, a que transformou Galicia e os seus concellos ao longo de toda a historia”,subliñou o popular.

 

Neste sentido, Calvo destacou que a gran diferenza entre o PP e o resto de formacións reside na “maneira na que nós afrontamos os retos. Para nós, a única alternativa diante dun problema é buscarlle unha solución”,unha característica que, na súa opinión, converte  aos populares nun partido “fiable e no que se pode confiar”.

Necesitamos máis

Lonxe de conformarse co conseguido ata a data, e coa mente posta xa nas municipais do próximo ano, o presidente provincial afirmou que “non podemos vivir sempre unicamente dunha folla de resultados”, e pediu aos seus un maior esforzo para facer do Partido Popular unha formación atractiva a todas as persoas, para conseguir que “nos entendan mellor e para dar a coñecer mellor as nosas opinións, os nosos valores, as nosas prioridades e as nosas aspiracións”.

Calvo apuntou que para conseguir este obxectivo é imprescindible “facer política con máis sentimento, falando desde o corazón”. Un factor que cualificou como clave ante as formacións que “son un produto de laboratorio, movidas polas modas e que único que poden presentar é unha folla de servizos en branco porque nada teñen feito”.

Construír e non destruír

A pouco máis dun ano para a celebración dos comicios locais, Calvo aproveitou a ocasión para lembrar que chegou o momento de “traballar máis unidos que nunca e construír un futuro mellor en cada un dos concellos”,fronte a outras formacións que o único que tratan é de “destruír e de confundir á xente”.

“Que ninguén vos engane, nin vos tente desanimar. Cada vez somos máis. Isto non é Cataluña, é Galicia. E iso é a provincia da Coruña”, indicou o popular, que defendeu que,“fronte a eses crean os problemas, que gozan cando as cousas van mal, que queren que o PP caia porque é a única maneira de que poidan atopar un oco, só cabe unha receita: máis unión e máis partido”, subliñou Calvo.

Así mesmo, o popular recalcou a todos os alcaldes e portavoces da provincia que nos próximos meses terán a oportunidade de facer o “máis bonito da política: escoitar aos veciños e coñecer os seus puntos de vista”. Nesta liña, o presidente popular pediulles que estean en todas as parroquias, en todas as rúas porque esa é a “única forma de seguir mellorando os nosos municipios”.

 

Por último, Calvo advertiulles de que “nos poñerán trampas, escoitaremos críticas e tratarán de dividirnos”,pero, fronte a todo iso, o presidente popular insistiu en que a súa formación debe “centrarse nos verdadeiramente importante, que é a xente, o noso sentido común e, sobre todo, o amor que todos temos pola nosa terra”.

Deja una Respuesta