FOTO COMARCAL SAN SADURNIÑO

Calvo reclama equipos “unidos” porque “só o traballo colectivo será sinónimo de grandes resultados"

O presidente do Partido Popular da provincia da Coruña, Diego Calvo, incidiu na importancia de que a súa formación prepare equipos “unidos e actualizados” de cara a afrontar as próximas eleccións municipais do 2019 porque, na súa opinión, “só o traballo colectivo será sinónimo de bos resultados na próxima cita coas urnas”.

Ante máis de medio centenar de militantes e simpatizantes dos municipios de As Pontes, Cerdido, Somozas, Moeche, Valdoviño e San Sadurniño, e acompañado polo vicesecretario xeral de Organización e Territorial, Evaristo Ben, Calvo reiterou a “importancia” de que os populares se preparen “con máis ganas e mellor que nunca” para afrontar o reto de recuperar o terreo perdido en 2015 e volver gobernar na Deputación da Coruña e nas tres cidades da provincia.

Por este motivo, Calvo incidiu na “importancia” de abrir as portas do partido “a todos os que queiran achegar algo”, sen que iso derive na marcha dos que están a traballar agora, e subliñou que a súa formación é
“case imparable” cando todos os seus integrantes traballan unidos e na procura dun mesmo obxectivo.

“O pasado mes de setembro demostramos do que somos capaces no Partido Popular cando nos fixamos un obxectivo e cando nos remangamos para traballar duro”, dixo Calvo, quen subliñou que, lonxe de reducir o nivel de implicación e mobilización, os populares teñen que incrementalo na cita coas urnas que terá lugar no 2019.

A pé de rúa
Ademais, o popular recalcou que sería “imperdoable e incompresible” que, despois dos tres procesos electorais vividos no último ano, os populares abandonasen a rúa e aos veciños.

O presidente provincial recordou tamén que “as eleccións as gañan os equipos. Entendemos a mensaxe que nos deron os nosos votantes no ano 2015, que nos pediron un partido máis pegado á rúa e máis pendente dos seus problemas”, afirmou.

No encontro, enmarcado dentro dunha rolda de vinte reunións comarcais que a súa formación está a celebrar ao longo da provincia, Calvo aproveitou para facer un resumo do seu primeiro ano á fronte da dirección provincial, un período no que lembrou que xa se nomearon 13 xestoras locais en diferentes concellos e que se convocaron nove congresos para actualizar os equipos de traballo.

Un proceso que, segundo Calvo, debe servir para que a súa formación poida “saír a gañar as eleccións en todos os municipios da provincia”, un obxectivo para o que a dirección popular traballa coa mente posta en nomear aos 93 candidatos “con tempo suficiente para que poidan traballar, para que os coñezan e para facer bos equipos”.

Deja una Respuesta