FOTO REUNIÓN COMARCA CORUÑA

Calvo: "O PP está en posición de liderar a área metropolitana da Coruña"

O presidente do Partido Popular na provincia da Coruña, Diego Calvo, asegurou hoxe que a súa formación está preparada para “liderar e marcar o paso” nos municipios que conforman a área metropolitana da Coruña despois das eleccións municipais do 2019.

Nunha reunión mantida hoxe cos alcaldes e os portavoces da comarca –A Coruña, Arteixo, Cambre, Carral, Cerceda, Culleredo e Oleiros-, o líder provincial fixo fincapé na importancia de conseguir que os populares poidan gobernar nos concellos que conforman unha área “fundamental para o desenvolvemento económico e social de Galicia”.

Neste sentido, Calvo explicou que resultará “imprescindible” contar cunha maioría de gobernos locais do Partido Popular na comarca para levar a cabo proxectos conxuntos “vitais” para o futuro de todos os veciños como o transporte, a recollida de lixo ou a creación dunha área metropolitana.

“Nos últimos meses sufrimos os esperpentos de gobernos locais que, lonxe de pensar nas necesidades da xente, preferiron facer prevalecer os intereses políticos das súas formacións”, dixo Calvo, en clara referencia aos problemas xerados pola Marea Atlántica en canto ao transporte metropolitano ou á creación da área metropolitana.

Folla de ruta
Neste sentido, Calvo aproveitou para establecer unha “folla de ruta” que permita á súa formación afrontar as eleccións municipais do ano 2019 con “garantías” e co obxectivo de “gañar en todos os municipios da comarca”.

Acompañado polo vicesecretario xeral de Organización e Territorio, Evaristo Ben, o líder dos populares na provincia pediu aos seus “un esforzo extra” que lles permita construír equipos que “ilusionen á xente” e, sobre todo, sexan capaces de presentarse como a “única alternativa posible” para que os municipios da comarca conten con gobernos “serios, solventes e eficaces”.

“Está nas nosas mans prepararnos ben para o reto que temos por diante no 2019. Non será sinxelo, pero temos que volver demostrar do que somos capaces no Partido Popular cando traballamos xuntos e cun mesmo obxectivo, indicou Calvo, quen fixo fincapé na “importancia” de aglutinar ao maior número de persoas que coñezan cales son os “problemas e as necesidades” de cada un dos concellos.

“Durante os últimos anos xa vimos do que son capaces de facer, ou de non facer, algúns gobernos municipais. O mellor exemplo o temos na cidade da Coruña, onde a parálise administrativa, os problemas co resto de administracións, os ‘okupas’, ou a falta de inversión provocaron que a cidade deixara de ser a locomotora de Galicia”, dixo Calvo.

Por todo isto, o líder dos populares na provincia asegurou que “agora tócanos a nós comezar a explicar que faremos para acabar co nalgúns concellos”, dixo Calvo, quen pediu “proximidade, comprensión e solvencia” cos veciños.

“Son consciente do esforzo que levades facendo moitos anos, pero a xente dos vosos concellos ben merece que sigades ao pé do canón, demostrando que non hai nada mellor para o benestar e o desenvolvemento dun municipio que contar cun alcalde do Partido Popular”, dixo Calvo.

A Deputación e as tres grandes cidades
O presidente provincial mostrouse “convencido” de que a súa formación será capaz de recuperar o goberno da Deputación da Coruña e o das tres cidades da provincia.

Sobre este asunto, recalcou que a súa formación debe “esforzarse máis que nunca” para conseguir “maiorías suficientes” en todos os concellos que impidan que unha “unión de perdedores” lles aparte por un “puñado de votos” das alcaldías.
Por último, o popular insistiu en “non baixar os brazos” e en manter activo ao partido como “único camiño posible” para poder chegar a todos e cada un dos veciños.

Deja una Respuesta