PP Foto20160910 Diego Calvo candidato n1 provincia A Coruña

Calvo sinala que a alternativa a Feijóo é un tripartito máis sectario que nunca

O presidente provincial do Partido Popular de Galicia e número 1 da candidatura por esta circunscrición, Diego Calvo Pouso, insistiu esta mañá en Ferrol na importancia de acudir ás urnas o vindeiro 25 de setembro e “votar pola estabilidade que só pode garantir un goberno liderado de novo por Alberto Núñez Feijóo”. “Aquí non vai haber posibilidade de repetir eleccións, porque ou goberna Feijóo ou nos vemos abocados a un tripartito de grupos nacionalistas con comportamentos máis sectarios que nunca” , engadiu

O cabeza de lista pola provincia coruñesa fixo estas declaracións durante un percorrido polo barrio do Ensanche A, que se enmarca na campaña a pé de rúa e de encontros coa xente que están a levar a cabo os populares. Así mesmo, fixo tamén balance de case oito anos de mandato de Alberto Núñez Feijóo “no que se fixeron moitas cousas con moi poucos recursos”, e lembrou, no caso desta comarca e en alusión ao novo contrato asinado por Navantia, que “estamos a ver como aquí tamén chega a recuperación cando falamos de emprego, nunha zona na que nos últimos 33 meses estanse a reducir as cifras do paro”.

Máis en clave local, Diego Calvo insistiu en que o único partido que garante a presenza de representantes de Ferrol e comarca no futuro Parlamento de Galicia é o PPdeG. Ademais, mostrouse convencido de que unha terceira maioría absoluta para Alberto Núñez Feijóo –“esa maioría excepcional que todos agardamos”, dixo- “é clave para manter a estabilidade que ten Galicia e que desexarían moitas outras comunidades autónomas”.

“Estamos a traballar coma sempre, explicando o que imos facer e tamén o que fixemos; non eludiremos ningún debate e faremos unha campaña en positivo”, manifestou o dirixente provincial dos populares galegos; quen asegurou que “as liortas e enfrontamentos deixámosllas aos outros”.

Deja una Respuesta