CONGRESO LOCAL OROSO

Censuran que Oroso pretenda volver a ingresar este ano 160.000 euros co imposto da plusvalía

O grupo municipal do Partido Popular de Oroso, a través do seu portavoz, Alexander Doval, criticou que o goberno local pretenda volver ingresar este ano 160.000 euros nas contas municipais por medio do cobro do imposto de plusvalía, no Pleno Extraordinario celebrado no día de onte.

Os Populares cualificaron de “imposto totalmente inxusto” a que pretende cobrar o executivo local tendo en conta que, segundo explicaron, a plusvalía utiliza parámetros para calcular o aumento do terreo de natureza urbana “totalmente sobredimensionados” e que supón un “verdadeiro problema para moitas familias de Oroso á hora de vender, herdar ou transmitir as súas propiedades”.

“Non imos votar en contra das contas por responsabilidade, porque non queremos entorpecer o normal funcionamento do concello e porque estamos a favor das obras que se inclúen, pero non podemos deixar de criticar o cobro da plusvalía, e os máis de 2 millóns de euros que os veciños de Oroso terán que abonar en concepto de impostos e de taxas”, apuntou Doval.

O portavoz dos populares aproveitou tamén para censurar os 47.950 euros que o executivo local destina a publicidade e propaganda, repartidos nun total de 11 partidas diferentes, así como os 24.000 euros que se dedican a actos protocolarios e os 20.736 do gabinete de prensa. “Son gastos completamente desproporcionados”, dixo Doval, quen, pola contra, lamentou que o goberno local só destine 15.000 euros a subvencionar asociacións veciñais e culturais.

Respecto ao capítulo de persoal, o portavoz subliñou a importancia de convocar dúas prazas –unha de educadora social e outra de traballadora social- tal e como recolle o informe realizado polo interventor municipal.

Por último, Doval chamou a atención sobre a advertencia do interventor respecto da partida económica destinada para financiar o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) que será insuficiente. “No seu día, desde o Partido Popular xa alertamos de que este servizo tería un custo moito máis elevado que o que había cando corría a cargo Mancomunidade de Ordes, agora a ver como soluciona este asunto o goberno local dende o grupo Popular estaremos vixiantes e velando polo máis importante que é a correcta prestación deste servizo esencial”, concluíu o popular.

Deja una Respuesta