14/2/2018 SANTIAGO . AGUSTIN HERNANDEZ DENUNCIA LA CONTAMINACION DEL RIO SAR . FOTO DE MIGUEL MUÑIZ . ARCHDC

“Compostela Aberta ten que decidir como vai resolver a emerxencia medio ambiental do río Sar”

O portavoz do Grupo Municipal Popular, Agustín Hernández, achegouse, esta mañá, ata a beira do río Sar, no vial de acceso ao lugar de Quistiláns (concello de Ames) -a 1,5 quilómetros da Edar da Silvouta- para “denunciar a situación medio ambiental” e “visualizar o que outros pretenden agochar”. Tal e como salientou, é importante amosar esta realidade “lamentable e vergoñenta” e acreditar que o verdadeiro hábitat do marxe son residuos (compresas, tampóns, plásticos ou toalliñas).

“Estamos ante unha emerxencia medio ambiental e, polo tanto, Compostela Aberta ten que adoptar un posicionamento e decidir como vai resolver este problema”, salientou Agustín Hernández, que, tras recoller mostras de auga do río, anunciou que o grupo popular vai encargar un análise para “constatar a súa degradación, especialmente, en materia de contaminación fecal”. “O Sar –engadiu- está na peor situación de todos os ríos de Galicia”.

Tal e como advertiu o portavoz popular, se o concello non toma cartas no asunto, Santiago continuará durante décadas contaminando gravemente o río e, polo tanto, tamén a ría de Arousa: “A situación do Sar non admite demoras”.

Tras varios meses esixíndolle ao alcalde que informe da súa postura ao respecto da execución da depuradora, Agustín Hernández urxe que Martiño Noriega sexa claro e que diga “se está a favor da alternativa que está enriba da mesa –O Souto- ou ten outra”.

Ante esta “realidade inadmisible” do río Sar, o alcalde leva ao pleno un expediente incompleto, con erros e cun reparo da Intervención: “Pretende que os demais digamos a nosa postura sen que el fale claro”. “Esixímoslle valentía e claridade, porque ata o de agora non amosou nin unha cousa nin a outra, tan só relato”, subliñou Agustín Hernández, que insta ao rexedor a que “abandone a súa equidistancia” e formule no pleno unha solución que resolva este problema. “Quen ten que propoñer, quen ten que aportar, quen ten que trasladar ao pleno unha decisión de xeito claro é o alcalde”, salientou Agustín Hernández, que considera inadmisible que traslade esa responsabilidade aos grupos da oposición.

Os populares amósanse a favor da Edar do Souto, “posto que é a única depuradora viable e que conta cunha declaración de impacto ambiental favorable”. “Todo o demais –engadiu Agustín Hernández- é relato e é seguir contaminando o río Sar”. Neste senso, volveu incidir en que a execución da depuradora “é imprescindible e inaprazable”.

Deja una Respuesta