IMG_0139

Critican o escurantismo de CA no proceso de elaboración dos orzamentos

. O Grupo Municipal Popular critica a “escurantismo de Compostela Aberta” e a súa falta de transparencia, ao reter durante máis dun mes a documentación pendente, necesaria para poder valorar de forma completa o anteproxecto de orzamento de 2017. Do mesmo xeito, denuncian “o pacto nos despachos” entre Compostela Aberta e o BNG, ao marxe dos intereses da cidade e dos santiagueses.

Pasados 20 días desde a última solicitude -o catro de xaneiro-, o grupo popular segue sen ter noticias ao respecto dos plans do Goberno local, polo que esta mesma mañá volveu solicitar por escrito a clasificación orgánica e detallada dos gastos, o orzamento do Auditorio de Galicia e as bases de execución. Para ter un posicionamento ao respecto do anteproxecto é imprescindible contar tamén co informe de Intervención e co informe económico financeiro. O grupo popular recorda que Compostela Aberta se comprometera a remitir a documentación pendente a finais de decembro.

“Hai un interese evidente de ocultación e de que o Partido Popular non coñeza o documento final”, salientan os populares, que instan ao Goberno local a que explique os motivos polos que “está obstaculizando a labor de control e de fiscalización do grupo popular”. E é que tal e como subliñan, sen toda esta información é imposible analizar de forma rigorosa a totalidade do documento.

Do mesmo xeito, o grupo popular considera que o grupo de goberno non debería dilatar máis o proceso de aprobación dos orzamentos que, no mellor dos casos, non estarían aprobados ata finais do primeiro trimestre, o que supón un verdadeiro lastre para a execución de investimentos e, polo tanto, da creación de emprego e da reactivación da economía.

Deja una Respuesta