Critican o retraso na posta en funcionamento da brigada contra incendios de Oroso

O grupo municipal do Partido Popular de Oroso, a través do seu portavoz, Alexander Doval, criticou hoxe o atraso por parte do goberno local na posta en funcionamento da brigada contra incendios que a Xunta de Galicia outorgou a Oroso e que neste momento aínda non está en funcionamento.

Os populares consideran “totalmente ilóxico e irresponsable” que o executivo municipal non puxese en marcha os mecanismos de contratación do persoal da brigada ata o 23 de agosto, a punto, dixo Doval, de que se termine a tempada de alto risco de incendios.

Financiada pola Consellería do Medio Rural e formada por un total de catro traballadores, un xefe de brigada, un peón conductor e dous peóns forestais que traballarán durante 3 meses realizando labores de prevención e extinción.

“Parécenos unha temeridade absoluta que o goberno local estivese todo o verán sen botar man deste servizo. Tivemos a fortuna de non sufrir ningún incendio, pero creo que os veciños se merecen unha explicación sobre este asunto”, indicou o popular.

Doval incidiu en que mentres a Xunta de Galicia vén de aprobar a adxudicación, dentro do programa de equipamentos de emerxencias a concellos de menos de 50.000 habitantes, dun remolque de emerxencias para o Concello de Oroso valorado en máis de 16.000 euros, o goberno local fai as cousas “tarde, mal e arrastro” xa que, segundo Doval, a posta en marcha da brigada contra incendios conta cun reparo de intervención que foi levantado para sacar as prazas adiante.