images

Críticas do PP de Arzúa por deixar sen iluminación de Nadal o concello

Tras amañeceren o pasado sábado día 8 as rúas do núcleo urbano sen a iluminación típica de Nadal, a empresa encargada instalaba o alumeado, e horas despois, o desmontaba.

Dáse a circunstancia de que a xornada do sábado era especial, pola coincidencia da feira quincenal e pola celebración do Día do Comercio Local, afectando negativamente á circulación do tráfico a instalación da iluminación polo camión da empresa encargada.

A xestora local do PP, lamentou por boca do seu candidato, Rafael Rivadulla, que “a instalación chegaba tarde, pois na celebración do Día do Comercio Local a iluminación xa debía estar instalada e funcionando”. Igualmente considera unha “mala xestión do equipo de goberno” a contratación, toda vez que parece demostrado que foi “tardía e improvisada”.

Os motivos para a desinstalación en horas posteriores á montaxe parecen estar, segundo o goberno municipal, nun “alumeado que non gustou e que en anos anteriores xa fora utilizado en concellos próximos ao noso polo que o goberno municipal viuse na obriga de retiralo”.

A representación popular non se explica que o goberno municipal contratase unha iluminación sen coñecer previamente o seu deseño (eran ovos de Pascua, por tanto, propia doutras datas). Tampouco se explica que o goberno se escuse na tardanza dicindo que a empresa priorizou a outros concellos cun orzamento máis elevado.

Sobre isto, Rafael Rivadulla critica que este fundamento non se sustenta por canto Arzúa, cunha poboación a cabalo entre as de concellos limítrofes como O Pino ou Melide, non tiña alumeado, cando estes concellos xa o tiñan facía unhas semanas, mesmo fóra do casco urbano (no caso de Arzúa, só nas dúas vías principais).

Polo tanto, a xestora local do PP solicita do Alcalde o seu pronunciamento, para coñecer se finalmente o concello tivo que asumir algún custo polos cambios na iluminación e si o Concello asume algún tipo de responsabilidade.

Esta tardanza na iluminación e ambientación de Nadal amosara a súa nula xestión e falta de sensibilidade cos comercios, o turismo, e especialmente cos nenos da vila.

Deja una Respuesta