O grupo popular vai poñer o foco no Pleno municipal de hoxe na deficiente limpeza das instalacións das escolas que compoñen o CRA de Teo, unha situación que ven sufrindo a comunidade escolar desde hai dous meses e que se debe á desidia do executivo local a darlle unha solución aos problemas de contratación do servizo. Por segunda vez, a mesa de contratación quedou desierta o pasado mes de abril. O bipartito é coñecedor dos problemas de limpeza dende hai varios meses.
A preocupación entre pais e nais do alumnado vai en aumento. Aínda que a incidencia é desigual dependendo das cinco escolas que compoñen o CRA (Casalonga, Solláns, Recesende, Cacheiras e Raxó), a suciedade en zonas comúns ou a falta de hixiene nos baños resulta evidente e incomoda o normal desenvolvemento da vida na escola nos últimos meses.
Por tal motivo, en representación do grupo municipal popular, a concelleira Dolores Nariño pedirá as aclaracións necesarias no pleno de mañá, esixindo unha explicación formal e suficiente que dea resposta ás queixas existentes polas deficiencias na limpeza destas escolas unitarias, dada a sensibilidade da cuestión.
Ata onde puido coñecer o grupo popular, o goberno local ten constancia deste problema desde hai un tempo, pero a pasividade marca unha vez máis a súa folla de ruta. Por tal motivo, o grupo popular pide que asuma sen excusas a súa responsabilidade e poña solución coa maior celeridade a unha situación insostible, que non se pode permitir en ningún caso.