FOTO DIRECTIVA

"Defendemos a unidade de España, outros prefiren ser parte do séquito independentista"

O presidente do Partido Popular na provincia da Coruña, Diego Calvo, subliñou que a súa formación foi a única que tivo, desde o primeiro momento, unha posición clara, sen titubeos e sen fisuras, do que significa a defensa da unidade de España, fronte a outros partidos -BNG e Mareas de Podemos- que optaron por formar parte do “séquito independentista”.

Na directiva provincial celebrada esta tarde, o líder dos populares na provincia cargou contra os alcaldes da Coruña, Santiago e Ferrol por defender aos separatistas que non respectan o Estado de Dereito, á vez que criticou os “bandazos” do PSOE.

“Pregúntome se o señor Ferreiro abriría un diálogo cunha persoa que se negase a cumprir unha sentenza que ditaba cando era xuíz”, dixo o popular, quen destacou que “pouco se pode esperar de quen anima a non cumprir as leis se un cre que son inxustas”.

Perante esta situación, Calvo fixo fincapé en que foi o goberno do Partido Popular o que, unha vez máis, e do mesmo xeito que sucedeu coa crise económica, tivo que solucionar o desafío territorial máis importante na historia democrática de España.

Sobre este asunto, o presidente popular alertou sobre o que pasaría en Galicia se, en lugar de gobernar o Partido Popular, o executivo autonómico estivese en mans dun tripartito Mareas-PSOE-BNG.

“Imaxinades que pasaría se marcharan 1.300 empresas de Galicia en tres semanas, se tivésemos un goberno que actúa á marxe da legalidade, ou si no Parlamento de Galicia dedicásense a debater sobre a identidade nacional en lugar de solucionar os problemas reais dos galegos?”, preguntou Calvo, que considera moi importante que os veciños dos 93 concellos da Coruña saiban “quen é quen en todo este asunto”.

Pelexar por cada voto
Noutra orde de cousas, o presidente do Partido Popular na provincia da Coruña aproveitou a presenza na reunión dos alcaldes e portavoces da súa formación para reiterar a importancia de seguir “abrindo o partido e fomentando a participación” de todas aquelas persoas que queren traballar para afrontar as eleccións municipais do 2019, unha cita que Calvo cualificou como o “reto máis importante” dos populares nos próximos 20 meses.

“Non somos suficientes. Nin sequera os 30.000 militantes, no caso de que todos estean motivados, son suficientes. Temos que contar con todos os colectivos que teñan interese na nosa provincia”, dixo o líder provincial, quen asegurou que “estamos obrigados a escoitar a todos os veciños”.

Cinco novas xestoras
Por último, e dentro do proceso de renovación do partido prometido polo presidente provincial, os integrantes da xunta directiva deron luz verde á creación de cinco novas xestoras para os concellos de Carballo, Arzúa, Culleredo, Ribeira e Ortigueira.

En Carballo, o presidente será Aurelio Núñez; en Arzúa, Jesús Gómez Camiño; en Culleredo, Alfonso Rico Verea; en Ribeira, Manuel Ruiz Rivas; e, en Ortigueira María Cruz Sabio Teijeiro.

XESTORAS
GESTORAS 25.10.17

Deja una Respuesta