foto agustin

Demandan información a CA sobre o cobro indebido de plusvalías

O voceiro do Grupo Municipal Popular, Agustín Hernández, reclamou hoxe en rolda de prensa ao Goberno de Martiño Noriega que os veciños sexan informados por escrito, na páxina web ou mediante a creación dunha oficina específica, ás persoas que se poidan ver afectadas polo cobro indebido de plusvalías dos seus dereitos. Hernández insistiu na necesidade de rematar e dar a coñecer publicamente o estudo, acordado en setembro de 2017, sobre a repercusión destes cobros indebidos na cidadanía e na orzamento municipal.

 

No transcurso da súa comparecencia, o voceiro Popular explicou que o Goberno de Compostela Aberta debe iniciar o procedemento necesario para facer efectiva a devolución dos cobros indebidos a todos os veciños que autoliquidaron o imposto naqueles casos probados de vendas a perdas.

 

Para Hernández, é preciso avanzar na solución desta situación, que xa foi aprobada no Pleno e que repercute na a economía dos veciños e das veciñas de Santiago.

 

Así mesmo, solicitou que o Goberno municipal se dirixa ao novo Goberno de España para demandarlle a máxima axilidade na modificación do texto refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais, en relación co cobro indebido do imposto sobre os incrementos de valor dos terreos de natureza urbana ditaminado por sentenzas do Tribuna Constitucional, e que se articulen as medidas necesarias para compensar aos concellos que fagan fronte á devolución das cantidades recadadas por este concepto.

 

Por to isto, o Grupo Municipal Popular presentará no vindeiro Pleno unha proposición sobre a urxente devolución á veciñanza das cantidades indebidamente recadadas polas plusvalías na venda a perdas de terreos urbanos

 

Esta circunstancia fixo que con anterioridade o noso Grupo presentara unha iniciativa por este motivo en setembro de 2017, na que se solicitaba:

 

  • realizar un estudo sobre a repercusión das cantidades indebidamente recadadas na cidadanía e no orzamento municipal conforme ás sentenzas do Tribunal Constitucional (TC) emitidas,

 

  • informar á veciñanza ao respecto,

 

  • articular medidas para facilitar a devolución mediante procedementos áxiles

 

  • e demandar do Goberno de España a máxima axilidade nas pertinentes modificacións legais e na procura de medidas para compensar aos concellos que teñan que facer fronte ás citadas devolucións.

 

Máis de 6 meses sen facer nada

Agustín Hernández lembrou que xa pasaron seis meses desde o acordo plenario, sen noticia ningunha ao respecto,no mes de marzo pasado, este grupo municipal volveu rexistrar unha pregunta para resposta por escrito para coñecer os pasos dados polo Goberno neste tema, de forma especial sobre o estudo da repercusión das cantidades indebidamente recadadas polo Concello á veciñanza.

 

Hernández indicou que a resposta do Concello non ofrece os datos que se solicitaban, só se limitaba a informar do que xa se sabía: que había unha proposta para modificar a lei de facendas locais no sentido das sentenzas xa ditadas e os efectos que se poderían derivar desa modificación. Na súa evasiva resposta por escrito o Goberno remataba indicando que “no Concello de Santiago aplicamos a sentenza do Tribunal e a doutrina de non liquidar cando se proba a inexistencia do incremento de valor”.

 

Sen aclarar o que realmente interesaba, é dicir, dos casos de quen liquidou de forma indebida nos últimos catro anos, nin de ningunha medida adoptada pola administración municipal para avanzar na devolución neses casos.

 

Segundo o Ministerio de Facenda e Función Pública, en Galicia hai 108 concellos que aplican este imposto, fundamentalmente, as sete cidades e as cabeceiras de comarca), entre eles Santiago de Compostela, que é o cuarto –detrás de Vigo, A Coruña e Ourense,e por diante de Lugo- que máis recada aproximándose aos 3 millóns de euros/ano. Tendo en conta que a cuantificación do imposto se determina de forma obxectiva en función do valor catastral e dos anos (ata un máximo de 20) nos que o propietario foi titular do terreo, sen ter en conta o valor real ou estimado no momento da venda, o resultado é que –debido á crise inmobiliaria dos últimos anos- un determinado,número de vendas se terían feito a perdas, sen que iso puidera supoñer ata o de agora motivo de exención.

 

Hernández insistiu en que é moi importante que o Concello analice canto antes o asunto, determine as persoas e as cantidades afectadas, proceda a informar á veciñanza para que as persoas afectadas poidan reclamar e evitar así a perda dos seus dereitos. Cada día que pasa increméntase o número de persoas que perden a oportunidade de recuperar un diñeiro que en xustiza lle corresponde.

 

Esa é razón tamén pola que urximos a habilitación de procedementos áxiles para a devolución e se faciliten os medios para acreditar a xustificación dos valores para evitar a conflitividade e o recurso aos tribunais por parte da veciñanza.

 

 

 

Deja una Respuesta